A veciñanza de Porto do Son e máis concretamente a veciñanza de Queiruga está a celebrar un novo e importante logro do músico local Eliot Xaquín Dios Martínez, natural da dita parroquia sonense, que co seu grupo Tra Noi vén de acadar o primeiro premio no certame International Early Music Competition in Loire Valley (CIMA), celebrado en Francia.
Trátase dun concurso dirixido a conxuntos instrumentais que interpretan un repertorio dos séculos XVII e XVIII con instrumentos de época (conxuntos de cámara barrocos). O primeiro premio inclúe 4.000 euros de contía, a creación dun teaser, un convite a France Music Live con dous concertos emitidos na tempada 2024-2025. Organizado por Stradivaria-Ensemble Baroque de Nantes, este concurso ten como obxectivo “promover formacións de músicos novos que se especializan neste repertorio”.




