Decenas de barcos do sector bateeiro concentráronse este mércores na canle da ría de Arousa para mostrar a súa repulsa contra a fábrica de fibras téxtiles que a multinacional portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo).
A protesta, convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e A Ulloa Viva, comezou ás 17:30 horas cando as embarcacións acudiron a recibir ao buque ‘Arctic Sunrise’ de Greenpeace.
Unha vez á entrada da canle, entre os asubíos das demais embarcacións, o buque de Greenpeace despregou unha gran pancarta na que se puido ler ‘Defende o mar’ e polo lado de estribor: ‘Altri non’.
Ademais, varios barcos portaron pancartas cos lemas ‘Non á celulosa, si á ría de Arousa’ e ‘Todos a Santiago o domingo 30 de xuño, Altri non’, este último en referencia á manifestación que terá lugar no barrio de San Caetano, onde está a sede da Xunta.
A unha velocidade de apenas catro nós, os barcos que acudiron á protesta, entre os que se puideron ver planadoras pertencentes ao sector marisqueiro e outras recreativas, acompañaron ao buque ata un pouco antes da súa entrada no peirao de O Ramal, en Vilagarcía de Arousa.
Unha vez máis, o sector do mar mostrou a súa unión para protestar contra o que tacharon de “a morte” da ría de Arousa e do río Ulla.
Esta acción reivindicativa vén seguida dunha multitudinaria marcha celebrada en Palas de Rei o pasado 26 de maio e ademais para o domingo, 30 de xuño, rodearán a sede da Xunta, en San Caetano.

O buque de Greenpeace que se encontra na ría e que participou na concentración, desenvolverá durante a súa estadía en Galicia varias actividades e asi abrirá as súas portas a todos os públicos o xoves 13 a partir das 17:00 ata as 21:00, o venres e o sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00.
Os visitantes poderán coñecer algunhas das zonas do Arctic Sunrise e a súa historia en visitas guiadas gratuítas.
OUTRAS ACTIVIDADES EN TORNO Ao ARCTIC
O xoves 13 terá lugar a bordo do Arctic Sunrise unha xornada de traballo co sector do mar e tamén en conxunto con todo o sector primario. Ademais, ás 19:00h desenvolverase unha mesa redonda, aberta ao público, sobre ‘Propostas e reivindicacións ecofeministas para o sector primario’, na que participarán:

Sandra Amezaga (secretaria de Mulleres Salgadas)
María Vales (ex-patroa maior de Vilanova)
Isabel Vilalba (secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego)
Espazo infantil no porto con pintacaras e unha exposición sobre as razóns polas que hai que protexer os océanos e a pesca artesanal, entre outras iniciativas.
O sábado 15: pasacalles organizado pola Asociación Nós de Sobradelo (de 11:00 a 13:00), que continuará coa presenza en porto do colectivo ‘13 graos’ (tanto pola mañá como a tarde) ofrecendo unha experiencia inmersiva con lentes de realidade virtual para coñecer os fondos mariños galegos.
Durante toda a semana: mural participativo a cargo da artista Loubé. Será unha homenaxe á pesca artesanal e a ría de Arousa. A actividade realizarase nunhas instalacións localizadas no porto, xunto ao aparcadoiro.




