O Concello de Ribeira fíxolle unha recepción á querida veciña e actriz Susana Sampedro, gañadora este ano dun Premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto polo seu papel en Matria, de Álvaro Gago.

Arroupada por familiares, amigos e veciñanza foi recepcionada no auditorio vello polo alcalde e membros da Corporación Municipal, nun acto ameno e divertido onde Pérez Barral lle adicou a Susana unhas fondas palabras de agradecemento: “Quixemos demostrar dende o Concello que estamos moi orgullosos polo teu traballo e como ribeirense é unha honra poder presumir de artistas de grande nivel; temos grandes deportistas, grandes artistas e grande xente da cultura”.
Tamén fixo referencia ao seu amplo currículo artístico xa que Susana tamén é actriz de dobraxe, directora, actriz de teatro, televisión e cantante.

Susana agradeceu deste xeito a distinción do Concello de Ribeira: “Eu son máis de Ribeira que a Pedra da Ra, é un orgullo estar aquí agora nun teatro no que actuei con todos amigos, familiares e veciñanza. Esta é a carreira máis bonita do mundo pero posiblemente sexa a máis dura, a arte é algo tan necesaria para expresarse, para aprender, que nos amosa outras realidades e que nos axuda a mirar doutra maneira e a crecer como persoas; e eu creo que un pobo mide a súa saúde por como trata a arte”. O acto clausurouse coa entrega dunha figura dunha artista galega e cunha imaxe coa familia, amizades e os membros da Corporación.




