O Freixo (Outes) vai dar acollida este mes de xuño a unha nova edición da súa Feira Náutica, que xa chega á súa segunda edición consolidándose como un dos grandes encontros sectoriais do panorama galego. Celebrarase os días 28, 29 e 30 de xuño no Centro Náutico do Freixo e na súa contorna. Nas canles de Youtube e Facebook da feira temos toda a información que precisamos sobre o evento e sobre as actividades incluídas, incluído un vídeo de presentación. Os datos pormenorizados tamén os podemos consultar en www.feiranauticadofreixo.gal.

Contarase coa presenza activa de empresas e asociacións de toda a nosa comarca e da costa galega (fabricantes de embarcacións, expertos en reparacións e transformacións, empresas de subministros, de alugueiro e de xestións náuticas ou turísticas, etc), ao que se suma un amplo programa de actividades sobre a temática marítima e o mundo náutico.
En concreto, haberá un mercado mariñeiro de artesanía, un gran espazo expositivo (que acollerá entre outras cousas unha mariña seca onde ollar de preto embarcacións en venda, maquinaria e outros elementos relacionados co mar), música, roteiros divulgativos, gastronomía ou xeiras de navegación (saídas que permitirán ás persoas visitantes coñecer dende unha óptica diferente os tesouros costeiros do Freixo e Outes, por exemplo a praia de Broña, Tavilo, O Albán e mesmo a illa da Creba). A feira vén da man do Concello de Outes conta coa colaboración do GALP Costa Sostible e Portos de Galicia.
A feira vai dirixida ao público en xeral e a profesionais do sector. Unha vez máis, darase especial prioridade á participación de empresas do concello de Outes vencelladas ao mar. O programa ten o obxectivo de “mostrar a esencia e identidade marítima da zona así como o destacado patrimonio da contorna vencellado ao mar, á súa cultura e á súas actividades económicas asociadas”.
Na feira participarán empresas locais históricas como Astilleros Abeijón Hermanos, nados no 164 no Freixo e centrados na fabricación e reparación de embarcacións de variado tamaño (de até 20 metros de eslora), Astilleros Lago Abeijón (fundada a finais do século XIX e actualmente rexentados pola cuarta xeración dunha estirpe familiar vencellada á carpintaría de ribeira), ACR Servizos Náuticos (Cruceiro de Roo, Outes) ou Álvarez Riveira.
Tamén participarán no mercado de artesanía os seguintes obradoiros e artistas (entre outros/as): Aura Noctis Enmarcación Creativa, Crebeira (artesanía con refugallos mariños), Cunchastelana (artesanía con cunchas), Esteiro con Xeito (con cunchas), Javier Maceiras (escultor e artesán en madeira), Jorge Eiroa Forja (artesán en forxa), Lixo Atelier (reciclaxe de lixo mariño), Conservas Sotavento (conservas artesás), Serigrafiameu (serigrafía manual e deseño gráfico) ou Guillerrotus (debuxo con motivos mariños).
Unha das actividades estrela serán as saídas no histórico balandro Joaquín Vieta, construído no 1916 no estaleiro de Ríos (O Freixo).




