A segunda cadea de TVE proxecta esta noite ás 22.30 a versión en castelán de “A Illa das mentiras”, pelicula dirixida por Paula Cons que ten como eixe o naufraxio do vapor-correo Santa Isabel.
A película, estreada no 2020 é unha interpretación libre do acontecido a noite do 2 de xaneiro de 1921, cando o buque se dirixía a Vilagarcía a embarcar pasaxe embarrancando nos baixos da illa de Sálvora e morrendo 213 persoas, sálvandose 53, converténdose no terceiro naufraxio en vítimas civis da costa galega. O acontecemento sería recoñecido como o “Titanic da costa galega”.

A película arranca no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora no concello de Ribeira en 1921, aínda que non é a historia do naufraxio se non un thriller novelado. A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o vapor-correo, con destino Buenos Aires e 266 persoas a bordo, afúndese fronte á costa da illa de Sálvora morrendo 213 persoas. A falta de homes na illa tres mulleres María ( Nerea Barros), Josefa (Vitoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a varias ducias de persoas, un acto heroico que pagarán moi caro.
Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Aos poucos irá descubrindo que esa noite producíronse demasiadas casualidades na illa, chegando mesmo a sospeitar que o naufraxio puido ser provocado. Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa. ‘A illa das mentiras’ é unha coprodución entre as españolas Agallas Films e Historias do Tío Luís, coa arxentina Aleph Cinema e a portuguesa Take 2000.

Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio de AGADIC, Gobierno Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugues, o Programa Ibermedia e o Concello de Ribeira. Da súa distribución nacional e internacional ocúpase Filmax. Co título de ‘O Santa Isabel’ a película recibiu o ano 2018 un total de 400.000 euros na convocatoria de axudas selectivas do ICAA. Así mesmo, este proxecto foi seleccionado e finalista no Foro EGEDA/ FIPCA celebrado no marco dos Premios Platino, e para participar no SantiagoLab Cruzando Fronteiras no marco do SANFIC, Festival de Cinema de Santiago de Chile.



