Xosé Ricardo Losada presenta o seu libro de aventuras “Un inferno frío” en Rianxo (este sábado 25 no auditorio)

24 Maio 2024

O escritor e profesor rianxeiro Xosé Ricardo Losada vai presentar na súa terra, esta semana, a súa nova peza literaria: Un inferno frío. Será no salón de actos do Auditorio de Rianxo, o sábado 25 de maio ás 20.30 horas. No acto contarase coa presenza de Óscar Reboiras (escritor), Julián Bustelo (alcalde de Rianxo) e o propio autor da publicación. A vertente musical da presentación virá da man de Manuel Tubío (guitarra e voz) e Carme Tubío (violonchelo).

Lembrar que Losada vén de ser distinguido en Noia co premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos polo seu traballo Un inferno frío, editado polo selo local Toxosoutos e con ilustracións de Xosé Luís Veiras Manteiga. O premio consistiu na publicación do libro e 3.000 euros en metálico.

O autor nunha imaxe de Nós Diario da autoría de R.S.

Sinopse de Un inferno frío

Don Faustino, un crego alternativo e humanista, morre en estrañas circunstancias na parroquia conservadora da Balvanera nun contexto de forte represión política nunha ditadura militar.

A comunidade galega en Bos Aires, tanto a emigrante como a exiliada, queda conmocionada. Sobre todo cando, despois das primeiras dúbidas sobre se foi un accidente ou un suicidio, comeza a impoñerse a evidencia de que foi asasinado polas súas idea políticas. Castelao e Virxinia, que tiñan unha recente pero intensa relación con el, dubidando da versión oficial dun accidente, deciden investigar pola súa conta, con valentía, pero coa prudencia que esixe o seu rol de exiliados aos que lles permitiron entrar no país a condición de que pasasen desaparecidos. Xóganse a súa expulsión do país ou, incluso, a súa propia vida.

Un inferno frío é o lugar onde viven todos aqueles que, contra o criterio maioritario, buscan con paixón e decencia a verdade.

O autor

O autor é profesor de Filosofía no IES Félix Muriel de Rianxo e publicou media ducia de libros, O xene da chuvia (Edicións do Castro), Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Xerais Edicións) Bótame deste mar fóra (Toxosoutos), Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Editorial Galaxia) e A casa xunto ao volcán (Editorial Galaxia), galardoada co II Premio Viadutos 2019. Tamén é autor de O rosario e a buguina, biografía ficcionada que recrea os últimos meses do poeta rianxeiro Manuel Antonio. Esta novela valeulle a Losada o XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega que concede a Deputación da Coruña. O xurado salientou “a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo modo de se enfrontar á morte próxima”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...