Santiago reivindica o uso da lingua e a figura de Luísa Villalta con motivo Letras Galegas

16 Maio 2024

O Concello de Santiago sumouse este xoves 16 á celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio) e fíxoo coa lectura dunha declaración institucional que “reafirma o compromiso de todos os grupos políticos a prol do uso do galego na Administración municipal e da súa promoción na sociedade”. No acto, na que participaron os membros da Corporación, recoñeceuse tamén o legado da poeta coruñesa Luísa Villata cunha lectura dos seus poemas. Ademais, o Concello mantén activa a campaña Andei por Santiago/pisando estrelas coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao mesmo tempo que se pon en valor a obra da poeta homenaxeada.

Declaración institucional

Con motivo do Día das Letras Galegas, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes de todos os grupos municipais participaron nun acto no Pazo de Raxoi no que se procedeu á lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 24 de abril. Goretti Sanmartín abriu o acto e a continuación os/as concelleiros/as Gonzalo Muíños (PsdG), Nerea Barcia (PP), María Rozas (CA) e Míriam Louzao (BNG) deron lectura ao texto.

Con esta declaración pública, aprobada de xeito unánime por todos os membros da Corporación municipal no pleno do 24 de abril, reivindícase con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o compromiso do Concello co uso do galego na administración municipal e coa súa promoción na sociedade. “Desde o Concello de Santiago, como capital de Galicia, temos unha responsabilidade excepcional co galego, a nosa lingua propia dentro dese patrimonio mundial da diversidade, a da comunidade que representamos”, recolle o documento.

O evento continuou coa lectura dunha serie de poemas de Luísa Villalta a cargo de alumnas do IES Rosalía de Castro e das autoras especialistas na súa obra, Marga Romero e Esperanza Mariño. Ao acto asistiron, ademais do conxunto da Corporación municipal, autoridades e representantes do tecido asociativo, cultural e comercial de Santiago e un nutrido grupo de alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro.

Na súa intervención, a alcaldesa enxalzou a figura “tan forte, tan intensa e tan fascinante” que é Luísa Villalta, á que definiu como “unha muller que é referente e que ten unha poesía que representa perfectamente aquilo que non damos dito con palabras na linguaxe corrente”.

CampañaAndei por Santiago/pisando estrelas

Con motivo do Día das Letras Galegas, o Concello de Santiago tamén lanzou esta semana a campaña Andei por Santiago/pisando estrelas coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao mesmo tempo que se pon en valor a figura da poeta Luísa Villalta.

As persoas interesadas en participar deben publicar nas redes sociais unha imaxe dun lugar de Compostela que sexa significativo utilizando os cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas, acompañados dunha explicación do lugar escollido. Entre todas as persoas que participen sortearanse 10 lotes de material cultural.

Outras actividades

O Concello tamén ofrecerá ao longo do deste mes de maio varios paseos guiados sobre Compostela e as orixes da lingua con 12 paradas “que permitirán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social e a diversidade do desenvolvemento do idioma”. As persoas interesadas poderán anotarse está na web do Departamento de Lingua.

O Teatro Principal tamén acollerá o 16 e 17 de maio ás 20.30 horas, o espectáculo Made in Galiza, a cargo de Sarabela Teatro sobre o texto de Séchu Sende. A obra está dirixida por Fina Calleja e o elenco está conformado por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto.

O Teatro Principal tamén acolle o evento Ritos de resistencia, un recital multidisciplinar con poesía, música e imaxe que ten como eixo central os poemas de Luísa Villalta, no que Participarán a poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares (frauta e saxo soprano) interactúan de forma instantánea coa palabra a través dos instrumentos se proxectan imaxes realizadas do artista Alfonso Costa. Esta función será o sábado 18 de maio ás 20:30 horas e pódense retirar os convites na Zona C, en compostelacultura.gal e na billeteira do Teatro Principal.

Os Centros Socioculturais de Santiago tamén se suman á celebración do Día das Letras Galegas co obradoiro de creación literaria Escribirmos na compaña de Luísa Villalta, que será impartido por Marga do Val e con sesións a cargo de Cristal Méndez Queizán e de Miro Villar. Trátase dunha iniciativa da Escola de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Santiago. Estes obradoiros impartiranse os sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024, de 10:30 a 13:00 h.

Outros artigos

Martes 21, xornada de sol e lixeiro ascenso das máximas

Xornada con tempo maioritariamente seco, solleiro e de corte estival tanto na capital galega como en todo o litoral sur, aínda que coas habituais brétemas matinais da época. As Rías Baixas: o sol gañará a partida ás brétemas costeiras No litoral atlántico, a xornada...

+

Persoa trasladada logo dun incendio nunha cociña en Rianxo

Unha persoa foi evacuada ao Hospital Clínico de Santiago tras un lume que queimou a campá extractora e os mobles da cociña dun piso na rúa de Xosé María Brea Segade, en Rianxo. Foi a Policía Local a que informou ao 112 Galicia do incendio dez minutos despois das 5...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“España, dos estrellas. Alberto Barciela

“España, dos estrellas. Alberto Barciela

ESPAÑA, DOS ESTRELLAS Este país es imposible inventarlo. Ni Azcona con sus guiones, ni Berlanga con sus corrosivas estampas de lo cotidiano, ni Picasso con sus trazos fragmentados, ni Dalí con sus deformados dibujos, ni Valle con sus esperpentos, ni Carandell con sus...

“La estrella y el Mundial”. José Antonio Constenla

“La estrella y el Mundial”. José Antonio Constenla

Ha terminado el Mundial y uno tiene la sensación de haber asistido a uncampeonato extraordinario pese a quienes lo organizaban. Porque, mientrasmillones de personas seguían con pasión cada partido, la maquinaria del fútbolmundial parecía empeñada en recordarnos que el...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.