Rianxo colabora nun proxecto para explorar o potencial terapéutico da música nas persoas con alzhéimer

29 Maio 2024

O Concello de Rianxo, da man da asociación AGADEA Alzhéimer, participa no proxecto EUTERPE_adn, o cal vén de recibir un millón de euros de financiamento a través do programa Interreg POCTEP e que ten como obxectivo principal “explorar o impacto terapéutico da música en persoas maiores e nas que presentan deterioro cognitivo e dano cerebral”.

O alcalde rianxeiro Julián Bustelo, e a concelleira de Política Social, Ana Vidal, participaron no acto de presentación do proxecto que se celebrou esta semana no Hospital Clínico de Santiago.

Relación molecular

Chegar a comprender a relación molecular que existe entre os xenes e os estímulos externos é a base concreta sobre a que se asenta o proxecto EUTERPE_adn (Rede transfronteiriza para o estudo da música como terapia nas enfermidades neuropsicomotoras e o envellecemento: unha aproximación dende a expresión xenética e a neuropsicoloxía).

EUTERPE_adn, acrónimo que fai referencia tanto á musa grega da música como á xenética, acometerá desafíos comúns para Galicia e o Norte de Portugal como é o caso do envellecemento, o despoboamento e a exclusión social. Ao aproveitar o poder terapéutico da música, o proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia/alzhéimer ou dano cerebral, así como en persoas maiores. En colaboración coa Universidade do Minho, o consorcio combina a experiencia en investigación biomédica coa terapia musical.

A Casa da Música do Porto e a Asociación Músicos ao Vivo súmanse ao proxecto xunto co traballo coordinado de asociacións de pacientes como a Asociación de Dano Cerebral de Compostela (SARELA), a Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzhéimer (AGADEA), a Santa Casa da Misericordia de Porto e a Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzhéimer.

EUTERPE_adn é unha prolongación de Sensoxenoma, o proxecto impulsado polo grupo GenPoB/GenVip composto por medio cento de investigadores/as e liderado por Antonio Salas Ellacuriaga e por Federico Martinón Torres, do IDIS. Nos anos 2022 e 2023, o equipo organizou unha serie de concertos experimentais en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia (RFG) e coa participación de centos de doantes e asociacións de pacientes como SARELA, COGAMI, AGADEA, SARAIVA, ASPANAES, ASPERGA, ONCE, Asociación de Persoas Xordas de Galicia ou Down Compostela, entre outras.

O proxecto inclúe obradoiros de música durante un curso completo, con músicos profesionais e con experiencia en atención á diversidade, da Cooperativa de Músicos ao Vivo e a Casa da Música do Porto. A intervención musical estará baseada na escoita de diferentes tipos de música, a investigación das músicas da súa vida, o canto a través dun coro, a improvisación musical ou facer música en grupo. Un obxectivo que persegue este proxecto de investigación lonxitudinal, é “poder estudar os beneficios de diferentes actividades musicais a diferentes niveis biomédicos”. Por iso realizaranse 5 avaliacións, a primeira xa neste próximo mes de xuño, para estudar o impacto da música na saúde e o benestar das persoas.

Douscentos pacientes de sete centros

Tras o éxito dos concertos experimentais de Sensoxenoma, interpretados pola Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia, EUTERPE_adn, supón o primeiro estudo lonxitudinal, marcando un antes e un despois na investigación da música como terapia non farmacolóxica. Más de douscentos pacientes distribuídos en sete centros van ser beneficiarios e á vez protagonistas dun avance científico pioneiro en todo o mundo.

Os obradoiros vanse desenvolver en tres centros da Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzhéimer (AGADEA) en Vedra, Rianxo e A Estrada, e na sede de Asociación de Dano Cerebral de Compostela (SARELA) en Santiago de Compostela. En Portugal, realizaranse en dúas residencias da Santa Casa da Misericordia do Porto e na casa dá Memoria de Mim de Matosinhos (Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzhéimer).

O proxecto ten unha duración de tres anos, e tras a programación musical e o deseño dos protocolos biomédicos, agora en xuño comeza o recrutamento de participantes e a primeira avaliación neurospicolóxica, así como a primeira recollida das mostras biolóxicas (sangue a través dunha pequena punción capilar nun dedo, e saliva a través dun frotis bucodental). En outubro comezarán os talleres de música nos sete centros, a razón de dous días á semana. O estudo culminará coa publicación dos resultados, así como os materiais utilizados, e un Libro Blanco.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...