
O PSDG de Rianxo emitiu un comunicado no que manifestan o seu “malestar” porque, segundo explican, vénse de perder unha subvención da Deputación da Coruña para a contratación de persoal para a Aula Activa do Mar e para a Casa Museo de manuel Antonio, por importe de 38.000€. “Estes fondos estaban destinados á contratación de persoal para os ditos inmóbeis municipais, servizos esenciais para o desenvolvemento cultural e turístico da nosa localidade”, sinalan, engadindo que “tamén nos preocupa especialmente as afirmacións do alcalde Julián Bustelo no pleno do 25 de abril, asegurando que a situación estaba solucionada, nos atopemos agora con esta perda significativa de recursos”.
Esta situación, sosteñen, “pon en evidencia unha xestión deficiente dun goberno en minoría, manifestando así mesmo a carencia de seguimento das propostas e unha falta de responsabilidade coa veciñanza e co sector turístico rianxeiro”.
O portavoz do PSDG de Rianxo, Oscar Rial, sinal que “é inaceptábel que, despois da situación que vimos vivindo nestas semanas, e manifestando de forma continua a falta de diálogo, a credibilidade do alcalde queda entredita, e os cidadáns de Rianxo vense prexudicados pola perda desta subvención. Este é un dos motivos que remarca que este Goberno en minoría chega tarde, con présa, e co traballo xusto para cumprir coas obrigas dun Concello como Rianxo.”
Rial engade que “a perda destes 38.000 euros afectará negativamente á contratación de persoal para a Aula Activa do Mar e o Museo Manuel Antonio. Ambos servizos veranse minguados, o que terá un impacto directo no comercio e no turismo de Rianxo. A diminución da calidade e da oferta destes servizos culturais repercutirá na afluencia de visitantes e, polo tanto, na economía local”.



