O BNG di que a cidadanía de Ribeira ten que sufrir esperas de até 3 semanas pola “escandalosa falta de médicos”

29 Maio 2024

A deputada da Barbanza Rosana Pérez reclamou ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que solucione con urxencia o que denuncia como “unha escandalosa falta de médicos no Centro de Saúde de Ribeira”, onde, segundo dixo, “os pacientes teñen que agardar agora até tres semanas para ser atendidos”. Engadiu que de non poñerse remedio a esta situación, o panorama agravarase coa chegada do verán, “cando case se triplica a poboación en Ribeira e na comarca pola chegada de turistas”.

Na exposición dunha pregunta ao conselleiro, a deputada nacionalista advertiu de “que a poboación de Ribeira está a sufrir a peor atención sanitaria da súa historia, tanto pola falta de persoal médico no Centro de Saúde da cabeceira comarcal coma no centro periférico de Palmeira, que leva medio ano sen cubrir, ou no de Corrubedo, onde os veciños e as veciñas concéntranse periodicamente dende hai un ano para reclamar unha médica ou médico a tempo completo”.

“Non son casos puntuais”, asegurou Rosana Pérez respecto ás prazas sen cubrir e á situación de “sobrecarga asistencial brutal que dende hai catro anos soporta o persoal do centro, con cupos moi por enriba do establecido e listas de agarda que cada vez son maiores”, e todo isto, dixo, “sen que a Consellería reaccione para cubrir as tres baixas prolongadas e as dúas prazas vacantes que existen, ademais das ausencias xustificadas que se producen a maiores”. E engadiu: “No Centro de Saúde de Ribeira hai dez médicos na queda da mañá, pero habitualmente atenden catro e incluso tres a maioría dos días.Son arredor de sete mil pacientes os que se seguen sumando aos cupos deses tres ou catro médicos habituais e que están a sufrir as consecuencias dunha política sanitaria que mantén unha atención primaria nun deterioro insoportábel”, afirmou, para a continuación alertar das consecuencias que a falta de persoal médico no centro de saúde está a provocar tamén no PAC e mesmo nas urxencias hospitalarias.

A intervención de Rosana Pérez foi contestada polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicando que non se trata dun problema autonómico senón estatal: “Trátase dunha problemática que afecta a toda España, un problema ante o cal a Xunta está a buscar solucións imaxinativas e resolutivas”, dixo, apuntando a posibilidade de que facultativos externos acudan puntualmente a realizar xornadas de consultas, ademais de, “en diálogo coas xerencias das áreas sanitarias”, deseñar “plans que permitan cubrir a asistencia aos pacientes ante este falta de profesionais”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...