
Este domingo 12 de maio volta celebrouse na beira do río Tins, en Outes, unha nova xornada de voluntariado ambiental do río Tins, desta volta co obxectivo de eliminar ás árbores exóticas presentes en todo o treito urbano da ribeira do dito curso fluvial, arestora en rexeneración.

A actividade, enmarcada no proxecto ReNatur_Outes, centrouse en eliminar un cento de exemplares de acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata), robinia (Robinia pseudoacacia) e eucalipto (Eucalyptus globulus) das marxes contribuíndo así a “renaturalizar este espazo natural de grande valor”, en palabras das entidades impulsoras desta xeira de traballo. A acción complementou as realizadas no pasado inverno, coas que se plantaron case 300 árbores e máis dun cento de arbustos na zona de ribeira. En palabras da organización foi un éxito absoluto de participación. A xornada terá continuidade as semanas vindeiras. Na actuación eliminouse un grande exemplar de acacia negra (Acacia melanoxylon), de case 3 toneladas, coa participación de 16 voluntarias e voluntarios.

Os traballos, que xa comezaron en días previos abatendo as árbores de maior porte, incluíron a elaboración de cadeiras a partir dos toros con destino ao patio deseñado polas nenas e nenos do CEIP Plurilingüe de Outes. Tamén se aplicou a técnica de descasque nos tocos (tocóns) para eliminar por completo estas especies.
As actividades continuarán nos próximos meses para eliminar a totalidade de exemplares de mimosa, robinia e eucalipto das marxes do Tins.
Os traballos incluirán a elaboración de cadeiras a partir dos toros con destino ao patio deseñado polas nenas e nenos do CEIP Plurilingüe de Outes.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.
