Apoio unánime no Parlamento ao plan do Bloque para axudar ao sector do marisqueo e recuperar a produtividade das rías

28 Maio 2024

O BNG  acadou este martes o apoio unánime do Parlamento á súa proposta para axudar aos mariscadores e as mariscadoras afectadas polos efectos das abundantes precipitacións rexistradas dende outubro e o descenso de produtividade nas rías e para abordar, da man do propio sector e das universidades, un plan de recuperación e rexeneración das rías galegas.

A proposta xa fora aprobada na comisión que a deputada pobrense Rosana Pérez levou a pleno en forma de moción para asegurar o compromiso do Goberno da Xunta. Incluíase “elaborar e poñer en marcha de xeito urxente e extraordinario un plan de cobertura económica e social para as traballadoras do mar afectados pola sucesión de condicións climatolóxicas adversas que se veñen producindo dende o mes de outubro”.

O BNG pedía concretar o plan no período dun mes mais aceptou que fose “neste ano”, tal e como propuxo o PP nunha emenda.

O plan final incorpora axudas directas desde o mes de outubro até que se recupere a actividade con normalidade, a creación dun seguro público de produción marisqueira que asegura unha produción mínima e garanta uns ingresos e unha renda digna aos traballadoras e traballadores do mar en inactividade.

No que se refire ás axudas, a deputada nacionalista dixo “que o aprobado vai moito máis alá do que a Consellería do Mar ten feito até o de agora”. E concretou: “Dende outubro, aprobaron axudas dun pago único de 550 euros por persoa, un pago único que ía destinado a 7.300 mariscadores e mariscadoras e acabou chegando unicamente a 3.911; unha partida total de 4 millóns de euros da que só dou chegaron aos afectados”.    

Tamén se demandará ao Goberno do Estado a exención das cotas da Seguridade Social para as persoas afectadas ata que se recupere a actividade con normalidade.  “Se fai falta hai que ir a Madrid con datos, con informes e, sobre todo, con máis vontade que a da confrontación, para tratar de conseguilo”, manifestou Rosana Pérez durante o debate da moción, no que advertiu que “a estratexia da queixa permanente e da política da propaganda e de facer que se fai, agora xa non vale”.

O plan de cobertura económica aprobado a proposta do BNG terá que incluír tamén a atención á situación económica das confrarías que se vexan afectadas por unha importante diminución de ingresos por mor da caída de produción.

Ademais da cobertura social e económica, o cronograma e as partidas que o Goberno no PP terá que presentar á Cámara no prazo dun ano terá que incluír, como segundo punto, a elaboración, sen máis dilación, e de acordo co sector, os centros de investigación da Consellería do Mar e as universidades galegas, dun plan que permita comezar a recuperación e rexeneración das rías e a súa produtividade e “artellar os mecanismos necesarios para enfrontar as consecuencias que xa está a ter co cambio climático no comportamento e cantidade dos distintos recursos e na actividade pesqueira, mexilloeira e marisqueira de Galiza”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eurocopa”. Xulio Xiz

“Eurocopa”. Xulio Xiz

Noto o peso dos anos, máis ca fisicamente nas continuas referencias a tempos idos. E non porque xeneralice a bondade do pasado, que moito habería que matizar, senón porque o paso do tempo me vai permitindo comparar situacións que me parecen aberrantes. O deporte –...