
O local Leñaverde do Centro Social de Boiro vai dar acollida esta finde a unha narración oral de María da Pontragha: Coa palabra na boca. Será o sábado 25 de maio a partir das 19.30 horas.
Trátase dunha cita cultural para maiores de 16 anos, organizada polo Concello de Boiro e a Deputación.
Coa palabra na boca é un espectáculo no que, “a través da palabra e a música de tradición oral, percorreremos historias que falan da xente, do amor, da liberdade e da desobediencia, porque somos un pobo que discrepa e temos unha peculiar forma de enfrontrarnos á vida e á morte”, adianta a narradora, engadindo que se trata de “historias de disidencias cheas de heroínas que non existen nos libros e heroes sen nome; historias de vida que beirean a morte e de mortos que volven a este mundo”.
María da Pontragha é o alcume de María Iglesias, educadora e antropóloga galega estreitamente vencellada (dende a nenez) á tradición oral: a expresada pola palabra e que vén a cabalo da música.
María tamén é percusionista e vocalista nos grupos Bouba e Lévedo, e vocalista no grupo Sacha na Horta.



