Vegalsa-Eroski doa máis de 6.200 euros á Asociación Amicos para proxectos ambientais

09 Abril 2024

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski fixo doazón este martes 9 de abril de 6.242 euros á asociación da nosa comarca Amicos, centrada inclusión das persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral. A contía destinarase a proxectos ambientais que a entidade con sedes en Boiro e Ribeira (e actividade en todo o Barbanza e parte doutras comarcas) leva a cabo ao longo do ano. Segundo explicaron fontes de Vegalsa-Eroski, a doazón é posíbel grazas á valorización realizada trala xestión e reciclaxe de preto de 47.700 kg de tapóns de plástico e aceite colleitados nos establecementos da rede comercial da compañía en Galicia e achegados polos clientes durante 2023.

O acto de entrega do cheque co importe doado celebrouse na xornada deste luns 8 no supermercado Eroski Center Rianxo, coa participación, por parte de Amicos, da súa presidenta, Esther Vidal; a vicepresidenta, Digna Iglesias, e o coordinador de Alianzas e Empresas, Keltoi Cameán. Por parte de Vegalsa-Eroski participaron a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa, Gabriela González e o director de Calidade e Medio Ambiente, Ricardo Castro. Ao acto tamén acudiron familias beneficiarias da asociación, así como membros de Vegalsa-Eroski.

“Esta contribución non só representa un acto de solidariedade, senón que tamén reflicte un compromiso xenuíno coa inclusión e o benestar das persoas con discapacidade. É inspirador ver como empresas como esta recoñecen a importancia da responsabilidade social e ambiental, e como están dispostas a tomar medidas concretas para marcar unha diferenza positiva na nosa sociedade. Sodes un claro exemplo de como a colaboración pode xerar un impacto significativo e transformador”, comentou a presidenta de Amicos, Esther Vidal.

Pola súa banda, Gabriela González explicou que “Vegalsa-Eroski atopa en AMICOS ao colaborador perfecto para poder contribuír á realización de proxectos ambientais que permiten implicar á comunidade local a través da inclusión social. Esta doazón é unha contribución máis que realizamos no marco do noso convenio anual e que constata a estreita relación que temos ambas as entidades no marco da nosa política de Responsabilidade Social Empresarial, RSE”.

A doazón súmase ás accións que Vegalsa- Eroski vén realizando con Amicos en materia de coidado da contorna e inclusión social ao longo dos últimos tres anos, cando a compañía adquiriu un compromiso de colaboración con esta asociación formalizado na súa Xornada de RSE celebrada en 2021, unha colaboración que neste período contemplou diversas accións, desde labores de limpeza integral de praias no marco do programa Re-Mar, un proxecto liderado por Amicos que ten como obxectivo a custodia ambiental para a redución dos residuos no espazo mariño protexido do arco atlántico galego; a outras ramas de actuación como o programa integrado de emprego, impulsado pola asociación e que permitiu inserir laboralmente a 53 persoas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...