
O Teatro Colón acolleu na mañá deste 2 de abril a apertura da segunda xornada do II Congreso de Contratación Pública organizado pola Área de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña. A deputada de Igualdade, a outense Soledad Agra, inaugurou o evento reflexionando sobre a importancia de incorporar a perspectiva de xénero nas políticas públicas. Concretamente, na contratación, á que se referiu como “unha ferramenta de cambio, con moito potencial para lograr efectos e resultados en materia de xénero”.
Así, aludiu á lexislación vixente, “que é clara xa desde a aprobación da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspón ao ordenamento xurídico do estado as Directivas do Parlamento Europea e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014, cando se incide realmente no deber que toda contratación pública incorpore criterios como o da igualdade de xénero”.
Agra redundou na importancia de incorporar cláusulas sobre igualdade de xénero na contratación pública, “decisivas para reducir as desigualdades sociais e de xénero”, e na necesidade de que se apliquen “dende a análise e a preparación do contrato”. Tamén reflexionou sobre a súa inclusión real, “é urxente que se cumpra a lei”, para o que, sinalou “administracións como a Deputación debemos dar soporte, apoio, asesoramento e formación ás entidades locais máis pequenas”.
Neste sentido, lembrou que dende a Área de Igualdade da Deputación púxose en marcha o proxecto Integra o xénero: guías de transversalización de xénero acompañadas de formación, e dispoñíbeis na páxina web dacoruna.gal. Trátase, sinalou Agra, dunha das moitas iniciativas que se enmarcan no compromiso da entidade provincial coa igualdade de xénero en todos os espazos. “Imos seguir desenvolvendo políticas públicas propias e tamén imos seguir apoiando aos concellos con diferentes actuacións: subvencións para a contratación de axentes de igualdade municipais en concellos de menos de 20.000 habitantes, oferta de actividades de sensibilización, de formación e de asesoramento, subvencións a entidades da provincia para o mantemento de programas de igualdade e contra a violencia machista, poñendo en marcha o regulamento de transversalización, na integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas nas diversas áreas de actuación etc.”
A deputada de igualdade deu paso á segunda xornada deste congreso, que conta con varias conferencias e mesas redondas sobre a incorporación da igualdade e de outros ámbitos sociais e medioambientais a todos os procesos de contratación pública dun xeito transversal, e que clausurará o deputado de patrimonio e contratación, Xosé Penas, ás 20:15h.



