
A Deputación da Coruña despediu martes 9 de abril unha nova edición do Galicia Fórum Gastronómico, onde participou durante os tres días de duración cun stand propio no que se desenvolveron múltiples actividades para poñer en valor o traballo de produtores e produtoras locais e chefs da provincia, en liña coa súa campaña turística e gastronómica A provincia que sabe. A Área de Turismo liderada por Xosé Regueira fixo un balance “moi positivo desta nova edición do fórum, polo éxito de existencia ás nosas actividades; pola tipoloxía de público, tanto xeral como profesional, e polo nivel de calidade dun evento que é de referencia para o sector, a provincia e o país”.

Un balance que secundaron os produtores e produtoras que formaron parte do recanto expositivo da Deputación: Cafés Lúa (Carballo), Choiva Viños (A Coruña), Casa da Avoa (Outes), Bodegas Lodeiros (Santiago), Apia Natura (Cesuras), A Despensa d´Lujo (Coristanco), Pandejuevo (Cee) e Xearte Brigitte (Santiago). “É unha experiencia moi positiva que nos permite darnos a coñecer e reforzar a nosa imaxe ante o cliente profesional e final”, apuntan desde Cafés Lúa.
Os produtores destacaron as sinerxías que se establecen entre eles e que dan como resultado colaboracións e actividades conxuntas no propio Fórum. Casa da Avoa destaca o espazo que lles ofrece a Deputación, “que aproveitamos para promocionar os nosos produtos, que teñen moi boa resposta”. Valoracións que respalda Xearte Brigitte, que destaca “o bo ambiente e a mestura de público xeral con outro moi profesional” e agradece á Deputación “a oportunidade que supón participar nun evento como este, sobre todo para facer marca”.

Rematan, deste xeito, tres días de Galicia Fórum Gastronómico cunha xornada na que, ademais, o vicepresidente Xosé Regueira entregou os galardóns dos Premios Picadillo – Galicia Fórum Gastronómico 2024 na categoría divulgación ao mariñeiro sonense (natural de Porto do Son, Queiruga) Rogelio Santos Queiruga e do I Concurso de Empanadas de Galicia a Gonzalo Blanco, do Restaurante Salitre.



