
O programa Rural Youth of Europe (RUYOU) celebrou esta semana o seu Cumio da Xuventude Rural Europea en Bruselas, evento que marca o punto final do proxecto. O acto, que se desenvolve este martes e mércores, 16 e 17 de abril, leva como título Europa: cara o Rural 2030 e a través del buscouse poñer en contacto á mocidade institucións europeas e os centros de toma de decisións da zona, así como realizar un balance do traballo e os resultados acadados ao seu abeiro nos últimos quince meses.
Rural Youth of Europe, liderado pola Asociación Amicos coa colaboración de socios de España, Portugal e Malta, xurdiu como foro no que a xuventude foi protagonista na procura de solucións innovadoras e colaborativas aos retos que se lle presentan á sociedade rural europea. Nel, ao longo dos quince meses que durou o proxecto, participaron máis de 280 persoas, que puideron intervir en catro RuralHacks en liña e cinco International Creative Jams, eventos celebrados nas localidades dos distintos socios impulsores: LugOpenFactory de Lugo, a Fundación Galicia Europa, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Fundación Galicia Europa, a Eurocidade Chaves-Verín, e a entidade local Regjun Tramuntana de Malta.

Así, tras varios meses de traballo, este Cumio da Xuventude Rural Europea, organizado pola Fundación Galicia Europa, marca o final do proxecto. Durante dous días, varios participantes, mentores e representantes de cada entidade socia déronse cita en Bruxelas, onde presentaron ao equipo de embaixadores do proxecto e compartiron cos creadores de opinión da UE os resultados, ideas, proxectos, prototipos e recomendacións acadados ao longo das múltiples actividades realizadas no marco da iniciativa.
O evento comezou o martes, cando os participantes visitaron o Parlamento Europeo e mantiveron unha reunión cos eurodeputados galegos da Eurocámara, ante os que presentaron o proxecto. Xa pola tarde, realizaron unha visita á sede da Cámara de Comercio de España na cidade belga, onde mostraron ante a directora da Delegación ante a UE da Cámara, Pilar Ruíz, e o seu equipo tres dos múltiples prototipos deseñados ao longo do proxecto. Durante a estadía realizouse tamén un xogo de rol para que a mocidade entendese como funciona a promoción dun proxecto europeo, así como unha sesión para compartir as reflexións e experiencias acadadas durante estes meses de traballo.
Xa o mércores, a xornada arrincou cunha visita á Comisión Europea, onde o grupo se reuniu coa Axencia Executiva Europea para a Educación e Cultura (EACEA). Esta comezou cunha presentación de RUYOU por parte de Sonia Lamas, coordinadora da iniciativa e técnica da área de Proxectos de Amicos.
A continuación, algúns dos participantes no proxecto compartiron a súa visión do que supuxo para eles e elas Rural Youth of Europe, así como das ideas ás que chegaron a través da súa participación no mesmo.

A innovación como motor de cambio para o rural do futuro
RUYOU naceu co obxectivo de dar voz e poñer en valor o papel activo da xuventude á hora de buscar solucións innovadoras e creativas para facer fronte aos retos que se presentan no ámbito rural, en especial de cara ao 2030. Para iso, ao abeiro desta iniciativa realizáronse distintos eventos en liña e presenciais entre os meses de xaneiro de 2023 a febreiro de 2024. Neles traballáronse cuestións como a democracia, cidadanía e participación xuvenil, cambio climático e futuro sustentábel, xuventude e
emprendemento ou accesibilidade, entre outros. Nel participaron xuventude, expertos e líderes de opinión, que colaboraron para analizar ditas cuestións a través de distintos obradoiros e actividades. Tódalas accións do programa buscaban que os mozos e mozas participantes partiran dende a aprendizaxe para crear solucións e resolvan ditos retos, que cristalizaron no deseño de case unha trintena de prototipos que dan resposta a estas cuestións.
O proxecto, co-financiado pola Comisión Europea mediante o seu programa CERV (Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores), culmina así nesta Cume da Xuventude Rural Europea Europa: cara o Rural 2030.