O pleno de Ribeira aproba o proxecto de rehabilitación do estacionamento do Centenario e o nomeamento dos representantes no Consello Escolar

03 Abril 2024

O pleno da Corporación de Ribeira celebrado este 2 de abril saldouse con relevantes acordos en materia de servizos e infraestruturas. Por exemplo a aprobación por unanimidade do proxecto básico e de execución para a rehabilitación de deficiencias do estacionamento da praza do Centenario cun orzamento total de 892.080,40€. Segundo explicou o alcalde Luís Pérez, a empresa Oxil fixo unha análise de deficiencias e desperfectos “que tiña que ter asumido a concesionaria, tales como os actos de vandalismo, mantemento de equipos ou filtracións de auga”.

Pola súa parte, a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, afirmou que dende o Concello estase a “dar un paso máis para recuperar este aparcadoiro e emendar tódalas deficiencias do contrato que se adxudicou no seu día”. Pouso engadiu que o Concello “ten que repercutir esas fallas de mantemento na empresa adxudicataria que se detraerán da liquidación final á que teña dereito a empresa”. Con esta aprobación o pleno avanza no rescate definitivo da instalación para darlle á veciñanza un servizo axeitado de 24 horas e a prezos accesíbeis.

A maiores, o pleno aprobou proceder á cancelación e devolución dos avais, por anticipo de 106.464,36€ con IVA, en concepto de garantir acopios de material da obra, constituídos e depositados pola UTE Auditorio Ribeira. “Esta é unha obriga legal á que debe facer fronte o Concello” afirmou o segundo tenente de alcalde Francisco Suárez-Puerta.

Consello Escolar Municipal de Ribeira

Amais, o Concello aprobou nesta sesión plenaria o nomeamento dos representantes no Consello Escolar Municipal de Ribeira. Este Consello estará formado polo alcalde, como presidente, os voceiros dos partidos políticos representados na Corporación municipal, un representante designado pola Administración como secretario ou secretaria (con voz pero sen voto), e os directores dos colexios CEIP Frións, CEIP Palmeira, CEIP Heroínas de Sálvora, CEIP O Grupo, CEP Pe do Corniño, CEP Deán xunto co resto de directores/as que teñen xa representación neste órgano.

Segundo explicou a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, “esta é unha reivindicación de tódalas direccións dos centros e das ANPAs que permitirá unha canle de comunicación entre o sector educativo e o Concello de Ribeira e onde todo o mundo estará representado”.

Doutra banda, o pleno aprobou por unanimidade a proposición presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular para realizar as xestións da implantación da figura da reserva de contratos para entidades de economía social, cuxo obxectivo principal sexa a integración social e profesional de persoas con discapacidade ou desfavorecidas. Tódolos grupos mostraron a súa vontade de avanzar neste tipo de contratos que garanten a igualdade de oportunidades e favorecen a contratación laboral de persoas con algún tipo de discapacidade ou vulnerabilidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.