
A ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira prosegue compartindo novas actividades de divulgación e formación para estudantes, profesorado e familias, un programa de charlas e obradoiros no que se insire a xornada intensiva sobre novas tecnoloxías deste martes 2 de abril e o programa divulgativo sobre autocoñecemento que se desenvolve esta primavera. A maiores, a asociación de nais e pais do IES Nº1 colabora amplamente na Semana Cultural que organiza o dito centro educativo e que inclúe unha charla, este mércores, centrada no noso mar. A cita A Cultura do Mar, dirixida a todo o alumnado de 1º e 2º da ESO, será impartida por Rogelio Santos Queiruga, coñecido como “o influencer do mar” polo labor de divulgación e concienciación sobre a cultura mariñeira e o mundo mariño a través das redes sociais, onde acumula xa máis de cen mil seguidores. Trátase, de feito, dunha das contas en redes sociais en galego con maior número de seguidores.
Dito labor de concienciación e divulgación levouno a ser condecorado coa Cruz Blanca do Mérito Civil por parte do Ministro de Interior a proposta da Dirección Xeral da Garda Civil en 2021.
Nas súas charlas, Rogelio Santos, cunha metodoloxía moi activa, participativa e divertida, sempre adaptadas ás idades do alumnado, emprega vídeos, enlaces a redes sociais, contos de vellos mariñeiros e o seu propio exemplo, para tratar de achegar ao público á cultura do mar, ás prácticas sustentábeis do noso sector, á importancia dos traballadores e traballadoras do mar, á historia de Galicia vinculada á pesca e á navegación, ao valor e importancia da enorme riqueza e diversidade de especies mariñas das nosas augas e ecosistemas máis alá dos aspectos económicos, á importancia de consumir peixe e á responsabilidade individual no coidado do planeta. Tamén pon o foco na importancia de usarmos o idioma galego pero coñecer e expresarnos ben en castelán e aprender inglés e outros idiomas e das oportunidades que nos ofrecen as redes sociais pero tamén dos seus perigos; e na importancia dos estudos e o aprendido nos anos escolares para a vida e para o traballo futuro, na vida adulta, tamén no mar e como mariñeiro ou mariñeira.



