O Goberno de Outes presentará este xoves 25 de abril o proxecto de Orzamentos de 2024 ao pleno da Corporación municipal para a súa aprobación. Segundo destacou o alcalde, Manolo González, trátase duns orzamentos equilibrados e racionais e que pretenden atender as necesidades dos veciños e veciñas de Outes. O importe total dos mesmos ascende a 6.145.767,36 €, un 0,6% máis respecto aos orzamentos actualmente en vixencia. Os gastos de persoal ascenden a 2.844.270 €, un 17,5% máis respecto aos de 2022, produto das actualización salariais e da posta en marcha de servizos novos como a Escola Infantil Municipal. O gasto corrente é de 2.437.186 €, un 7,3% máis, co que se pretenden financiar o custes dos servizos ordinarios que presta o concello. Hai que salientar neste apartado un incremento relevante na área de servizos sociais, que absorbe preto de 700.000 € así como da área de Deportes, Cultura e Educación, con 512.000 €. O alcalde tamén destacou que no apartado de gasto corrente se produce un importante incremento no custe de servizos ordinarios como a recollida do lixo ou o combustible, porén agárdase unha diminución da factura enerxética produto da sinatura do novo contrato e a pesares da posta en funcionamento de infraestruturas como a EDAR, antes parada. Pola súa parte, os concelleiros de cultura, Anxo Núñez, e de deportes, Tono Caamaño, destacaron o compromiso co tecido asociativo cultural e deportivo do Concello, mediante as subvencións a asociacións culturais e clubes deportivos. Finalmente, segundo destacou o alcalde Manolo González, os investimentos ascenden a 622.841,32 €, un 10% do total. Con eles realizaranse actuacións de mantemento de infraestruturas e viario público, particularmente en zonas rurais. “En calquera caso prevemos que os investimentos que se executaran este ano 2024 superen os 1,5 millóns de euros, unha vez que se incorporen aos orzamentos os fondos do Plan Único da Deputación e doutras administracións como a Xunta de Galicia”, destacou.
Manolo González tamén quixo subliñar que coa presentación destes orzamentos se evidencia a normalidade e a estabilidade coa que está a funcionar o goberno de coalición do Concello de Outes.




