O Dicionario da RAG engade novas entradas e modifica e amplía termos

19 Abril 2024

O Dicionario da Real Academia Galega (RAG), unha ferramenta tan útil como necesaria, vén de ampliar contidos a súa base de datos engadindo novas entradas. Entre elas: agachamento e anicamento, teito de cristal, cultura da cancelación, escaleta ou esgrafiado. O Seminario de Lexicografía engadiu na última actualización a esta ferramenta fundamental da lingua galega corenta voces canda novas acepcións ou melloras na redacción doutros vinte lemas.

Agachamento e anicamento, as palabras referidas ao exercicio físico que consiste en flexionar e estender as pernas coa columna vertebral recta, entran canda outros termos do mundo do deporte como haltere, que designa a tamén chamada barra de discos, ou vólei, que aparece xa no Dicionario como sinónimo das formas voleibol e balonvolea. Asemade, tamén se incorporan voces de tecnolectos de crecente uso na lingua común como escaleta, o guión detallado que reflicte os contidos e a súa duración dentro dun programa, así como a súa forma de presentación; ou esgrafiado, que denomina a técnica decorativa consistente en facer incisións cun estilete nunha capa superficial especialmente preparada, deixando á vista a cor da capa inferior, así como o elemento decorativo feito desta maneira.

O birimbao ou trompa galega, o instrumento musical de metal que consiste nunha lámina vibratoria (a palleta) fixada a un marco en forma de ferradura, engádense tamén percebeiro ou elitismo a partir de sufixos habituais no idioma.

No apartado de frases e expresións, no lema teito agrégase a locución substantiva teito de cristal, que identifica a barreira invisíbel de tipo social, cultural ou económico, que impide a unha persoa ou a unha minoría o acceso a postos de relevancia dunha organización; e a entrada de cultura suma o fraseoloxismo cultura da cancelación, o fenómeno consistente na retirada de apoio moral, financeiro, dixital ou social a persoas ou organizacións como consecuencia de comentarios ou accións realizados por estas.

De falarmos de cambios e engadidos, comadre achega o significado de muller con quen se ten máis trato ou confianza e se establece unha relación de amizade, apoio mutuo ou compañía, a acepción recoñecida como Palabra do Ano 2022 na votación popular promovida pola RAG e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras; cónxuxe pasou a definirse como cada unha das persoas dun matrimonio, con respecto á outra; e consorte tamén mudou a redacción para respectar igualmente a diversidade. A Real Academia Galega modificou así mesmo a definición de autismo de acordo cos cambios producidos na súa descrición científica e mais na súa percepción social.

En canto ás ampliacións, a voz neon suma ademais as acepcións referidas ás lámpadas e aos anuncios que empregan as lámpadas co gas do mesmo nome; e verde recolle catro significados máis vinculados á cuestión ambiental: (política, ideoloxía, grupo…) que defende ou fomenta a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico; que respecta na súa produción ou na súa actividade a conservación do medio ambiente; defensor ou partidario dunha ideoloxía que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico; e, en plural, movemento político que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Si á prensa libre en España”. Antón Luaces

“Si á prensa libre en España”. Antón Luaces

O 8 de abril de 1966 entrou en vigor a Lei 14/1966, de 18 de marzo, de Prensa e Imprenta que o mundo do xornalismo da época coñeceu en España como "a Lei Fraga de liberdade de prensa". Non houbo tal: o 24 de setembro de 1973 -dous anos antes de que finara Francisco...