O Concello de Boiro recibiu da Axencia Galega de Turismo unha subvención para a mellora da accesibilidade e acondicionamento do Centro Arqueolóxico de Neixón (Centro Arqueolóxico do Barbanza). O orzamento subvencionábel ascende aos 50.000 euros e ten como finalidade “o embelecemento do litoral turístico de Galicia”.

A actuación que se pretende levar a cabo en Boiro ascende aos 62.039,83 euros e ten como obxectivo concreto “acondicionar o inmóbel do Centro Arqueolóxico do Barbanza para cubrir as súas actuais deficiencias funcionais”. As actuacións contemplan a creación dunha sala interior de proxeccións, para o que se vai facer uso do espazo da antiga cafetería, así como un espazo cuberto exterior.
O Concello lembra que o edificio do Centro Arqueolóxico de Neixón rematouse de construír no ano 2009 e, dende ese momento, “non se realizaron na mesma ningunha reforma reforma relevante polo que o edificio presenta certos problemas en canto a filtracións de auga, humidades…”
O proxecto contempla unha actuación en dúas fases e que abranguen traballos tanto no interior coma no exterior para mellorar a accesibilidade e eliminar as filtracións de auga; así como o acondicionamento integral do espazo da antiga cafetería como unha sala de proxeccións. A segunda fase da actuación contempla a limpeza das fachadas exteriores e a instalación dunha cuberta con soleira no exterior.
As actuacións contan co financiamento da Axencia Galega de Turismo a través das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea- Next GenerationUE.



