
Os Premios Arquitectura 2024 seleccionaron na súa nova edición 12 propostas de Galicia, entre as que se atopa, na categoría de espazos públicos, o apeadeiro de autobuses de Ribeira. Os organizadores do certame, o Consello Superior de los Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e COMPAC, anunciaron este xoves as 185 propostas que pasan á seguinte fase dos premios, cuxos gañadores anunciaranse nunha gala o 20 de xuño.
A escolma foi realizada polos comités de expertos dos Colexios Oficiais de Arquitectos e Consellos Autonómicos dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais entre as 497 propostas recibidas nesta edición, un 15 % máis que na anterior.
O resultado mostra a ampla representación territorial dos premios, así “como a diversidade e calidade dos proxectos presentados, que van desde edificación, planificación urbana, interiorismo ou arquitecturas efémeras, ata trabalos de divulgación e difusión, entre outros”, segundo explicou o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, engadindo que as propostas seleccionadas “destacan pola súa innovación e calidade, polo seu impacto positivo na mellora continua do benestar individual e colectivo, o reforzo cultural do noso patrimonio e a recuperación do equilibrio medioambiental e territorial”.
De acordo co reparto territorial establecido nas bases dos Premios Arquitectura, a lista componse de 17 en Andalucía, 6 en Aragón, 3 en Asturias, 6 en Cantabria, 7 en Castela-A Mancha, 14 en Castela e León, 30 en Cataluña, 5 en Estremadura, 12 en Galicia, 6 en Illas Baleares, 8 en Illas Canarias, 5 en A Rioxa, 30 en Madrid, 6 en Murcia, 14 en País Vasco e Navarra, 16 en Comunidade Valenciana.
Cada Colexio Oficial de Arquitectos e Consello Autonómico realizou a selección dentro do seu ámbito territorial, seguindo os criterios e valores establecidos nas bases: universais, culturais e artísticos, profesionais e éticos, valores asociados á innovación, diversificación, divulgación e difusión, así como á rehabilitación, renovación e rexeneración e á permanencia.

Proposta: Apeadeiro de autobuses. Ribeira
Autoría: Ismael Ameneiros Rodríguez e Santiago Rey Conde
Ámbito: Espazo público
Valores: Valor Hábitat. O ámbito de actuación é unha parcela de 86×6 metros. Para evitar a deshumanización deste espazo fragméntase o proxecto en cinco bóvedas de formigón que se maclan en diagonal formando un conxunto de directriz zigzagueante formal e múltiples perspectivas visuais. As bóvedas dilatan o espazo interior e comprimen os bordes, favorecendo a protección climática, adecuación á escala humana e o concepto de refuxio. A actuación busca a permeabilidade peonil, un espazo estancial e calidade e a súa naturalización incorporando vexetación como elemento de protección. Valor Novo Bauhaus. Un rasgo característico das construcións portuarias son as cubertas. Situada limítrofe ao porto de Ribeira, busca incorporar a actuación ao perfil de cubertas do porto e exercer de nexo co espazo público da cidade. O proxecto ofrece desde os edificios lindeiros unha perspectiva aérea coidada na súa inserción no tecido urbano.



