Antía Pereira Rodriguez.- O pasado domingo 14 de abril a histórica Capela da Madalena de Arzúa acollía unha charla informativa sobre a Celulosa Altri, a fábrica que se pretende instalar en Palas de Rei.
A comarca da Ulloa está conformada polos concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, destino no que a portuguesa Altri, pretende construir a súa nova fábrica de celulosa e fibras textiles.
No 2017, a causa dos incendios portugueses, a lei lusa que regula a plantación do eucalipto endurécese e establece que as reforestacións deben ser de árbores autóctonas. Esta medida fixo que a empresa ollase para Galicia para montar a súa nova fábrica nun destino onde non atopasen tantas restriccións. No 2022, o Parlamento aprobaba que Altri se instalase preferentemente na Mariña e tres meses despois, por unha cuestión aparente de criterios técnicos, ambientais, hídricos etc., decídese trasladar o proxecto a Palas de Rei.

Desde entón, na Ulloa, non deixou de medrar a preocupación entre os veciños e veciñas que ven ameazadas a súa saúde, negocios e patrimonio.
Asociacións como a Ulloa Viva están a traballar para intentar frear o proxecto con protestas e actos informativos.
“A celulosa pretende traballar con 60.000 hectáreas de eucalipto ao ano, o que equivalería a catro Arzúas”
Iván Orois Longarela, ecoloxista e estudante de bioloxía, foi un dos veciños arzuáns que participou na charla do pasado domingo en Arzúa.
Un dos datos que mostrou e que non pasou desapercibido na súa intervención, foi a utilización de 1.200.000 toneladas estimadas de eucaliptos para a fabricación de 600.000 toneladas de celulosa, das cales 200.000 se transformarán en lyocell (unha fibra textil derivada de tecidos vexetais). Ademais tamén falou da utilización de ata 46 millóns de litros de auga ao día que serían necesarios para a posta en marcha da cadea productiva.
Tamén recalcou que o impacto das obras da fábrica sería outro, coa utilización de auga potable, o desprazamento da terra en camións e o tráfico continuado de vehículos e materiais de obra.

“Nesas hectáreas existen tres especies de prantas únicas que se van extinguir”
Achegou tamén información sobre o proceso industrial e as consecuencias contaminantes que este tería “se dun millón duascentas mil toneladas de eucalipto que entran na fábrica sae só a metade de producto, que pasa entón ca outra parte? Esta vai parar a auga e ao o aire, toda esa materia orgánica vai parar ao río e abónao. Esas bacterias do río empregan o abono e medran moi rápido e aproveitan toda esa comida para seguilo facendo. Se elas están medrando tantísimo e o río ten unha cantidade de osíxeno fixa, gastan moito osíxeno e os peixes morren porque non dan respirado, os peixes e o resto de bichiños, as libélulas e todo”. Tamén fixo fincapé na existencia de tres especies de prantas únicas que habitan na zona onde se construiría a nave e que desaparecerían do planeta se ao final sae adiante: a Santolina Melidensis, co propio nome do Concello de Melide, un tipo de margarida cuxo nome científico é Leucanthemun gallaecium e a Armeria merinoi, coñecida comunmente como a herba de namorar.

“O noso sector busca empregados e non os atopa, os mecánicos e a hostelería tamén, non veñen a solucionarnos nada. Xa estamos xerando demanda de emprego”
Ademáis terá repercusión sobre os negocios xa establecidos que se contemplan no propio informe da celulosa, asumindo que coa instalación da fábrica poderán deixar de vir parte dos peregrinos e, se a perda da demanda do camiño fose significativa, perderíanse empregos no sector turístico e outros relacionados. Bernardo Valdes Paços, profesor de economía aplicada na USC, explicaba como os cheiros, os impactos visuais, o ruido constante ou a degradación de espazos recreativos coma Portodemouros, lle farían perder ao sector do turismo, un dos principais motores da economía da vila e arredores. Borja Rodríguez Costoya, Vicepresidente da Asociación Galega de Albergues Privados apuntaba que este podería ser o principio do final do camiño.

Outro dos participantes da charla foi Xosé Luis Fernández Segade, gandeiro ecolóxico e veciño de Arzúa, que expresou a súa inconformidade nun emotivo e claro discurso.
“A calquera explotación gandeira vaille afectar o clima, ao estar en ecolóxico aféctanos mais a climatoloxía e no meu caso vivo ao lado de Portodemouros” “á beira de onde vivo esta fábrica non a quero”, xa que se fala de que a fábrica impactará no medio cunha gran forza, tendo consecuencias climatolóxicas como a choiva ácida e prexuízos sobre os cultivos.
Recalcou ademais o seu desacordo ante a afirmación que fai Altri, de que a Ulloa é unha comarca deprimida, “o noso sector busca empregados e non os atopa, os mecánicos e a hostelería tamén, non veñen a solucionarnos nada, xa estamos xerando demanda de emprego”.
Explicou como na súa granxa traballan tres persoas, cas outras dúas granxas das que é socio e ca queixería da que forma parte xa emprega a dez persoas no seu sector, e é que a cuestión que mais pon en dúbida a plataforma da Ulloa Viva é a da promesa de 2500 empregos que a empresa di xerar, “Altri afirma que non vai ser necesaria a produción de máis eucalipto, entón de onde proveñen os dous mil empregados que promete quitando os 500 que son fixos? A xente xa traballa no monte cos eucaliptos que xa hai, o único que se daría sería o traslado dos traballadores duns postos a outros”.
“O proxecto pretende ser financiado por 250 millóns de euros de diñeiro público provintes da Unión Europea que Altri considera imprescindibles“
Unha das cuestións que mais trataron os relatores foi a subvención que o proxecto pretende recibir da Unión Europea de 250 millóns de euros.
Esta petición respáldase na promesa da mellora da industria téxtil mediante un proceso de descarbonización que a Unión Europea
subvenciona. Os requisitos para recibir estas axudas PERTE (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia) contemplan algunha condición como non causar un prexuízo significativo aos obxectivos medioambientais, propósito do que a plataforma dubida.“Se eses cartos se chegaran a repartir entre os negocios que xa temos aquí creamos 500 empregos nos solos” aseguraba Xose Luís Fernández.




