A Asociación BarbanTEA organiza o vindeiro 7 de abril unha andaina solidaria, con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo que se celebra este martes. A camiñada, destinada a visualizar a realidade das persoas con trastornos TEA e sensibilizar á sociedade sobre o seu día a día e as súas necesidades e capacidades, dará comezo ás 10.30 horas na praza de Galicia de Boiro.
As inscricións poden facerse na web da Asociación BaranTEA, que fai un chamamento a “respectar as diferentes habilidades, a empatía e o respecto por tódolos asistentes”. Colaboran na iniciativa a Clínica Rebeca Ozores, Eclipse, a Cooperativa Arreda, Eroski, Serdeco e o Concello de Boiro, entre outras entidades.
O Día Mundial da Concienciación do Autismo celébrase cada ano o 2 de abril, conforme á resolución da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas 62/139, aprobada o 18 de decembro de 2007, proposto polos representantes do Estado de Qatar, e apoiada por todos os estados membros.
