

Os centros socioculturais da Pobra do Caramiñal dinamizaranse con varios obradoiros artesáns de balde dentro do programa Feito coas túas mans que se estenderá ata finais de ano. Así o fixeron saber este martes 16 Amparo Cerecedo, concelleira da Promoción Económica, José Manuel Riveiro (SonAgasallo), Loaira Pérez (Raposiñas), David Pérez (Noites de Datura) e Carla Martínez (Flow de Meiga). “A Concellaría da Participación Veciñal organiza esta serie de obradoiros co afán de crear comunidade e potenciar a creatividade”, manifestou a edil na presentación do programa e da axenda.
O obradoiro de cestaría estará impartido por La Parabólica, no Campiño, durante os sábados do período comprendido entre o 27 de abril e o 4 de maio. Tamén contará con este taller A Ribeiriña, a cargo de Capixuta, nos sábados do 18 ao 25 de maio. En ámbolos casos, o horario será de 16.00 a 20.00 horas.
Noites de Datura será o encargado de ensinar sobre macramé no Camiño Ancho. Será nos mércores do mes de xuño, dende as 18.00 ata as 20.00 horas.
O muíño da Ponte Barbanza contará con cerámica da man de Raposiñas. Desenvolverase nos mércores do mes de setembro, de 18.00 a 20.00 horas.
Tamén haberá clases para traballar a madeira con SonAgasallo, en Santo Isidro, nos mércores do mes de outubro, en horario de 18.00 a 20.00 horas.
E haberá ocasión para aprender a facer xabóns, con Flow de Meiga, na Angustia. Terá lugar nos mércores do mes de novembro, dende as 18.00 ata as 20.00 horas.
As prazas son limitadas e formalizaranse as inscricións a través do enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com. Deberanse aportar os seguintes datos: o nome, os apelidos, o DNI, o teléfono de contacto e o/s obradoiro/s no/s que participar.



