
Axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría Local de Ribeira procederon á detención dun individuo pola comisión de catro delitos, dous de roubo con violencia e outros dous por quebrantamento de medidas cautelares de afastamento e comunicación respecto dun familiar.
Segundo explicaron fontes da Comisaría, os roubos con violencia foron cometidos o mesmo día e na mesma franxa horaria. No primeiro, o presunto autor abordou a unha muller de avanzada idade, coa que loitou para arrebatarlle o bolso, caendo a vítima ao chan o que lle provocou varias feridas de certa consideración. Á vítima dispensóuselle asistencia médica.
No segundo roubo con violencia, o presunto autor, agora detido, tras solicitar a un home diñeiro en vía pública, e ante a negativa da vítima, agrediuno violentamente con varias puñadas e patadas, ata que conseguiu arrebatarlle a carteira, producíndolle feridas que requiriron asistencia médica.
Tras as xestións de investigación realizadas, ambas as vítimas recoñeceron e identificaron ao presunto autor dos feitos. A Policía Nacional procedeu á súa detención.
Tras tramitarse as correspondentes dilixencias policiais, o detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número Tres de Ribeira en funcións de garda, que decretou o seu ingreso en prisión provisional.



