A Pobra conmemora o Día Internacional de Monumentos e Sitios cunha visita comentada polo patrimonio local

17 Abril 2024

A Pobra vai celebrar o Día Internacional de Monumentos e Sitios coa visita guiada e comentada As casas institucionais dos concellos do Caramiñal e da Pobra, a cargo do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González. O propio González precisou este mércores 17, na presentación da visita, que con ela “ponse en valor o patrimonio histórico, o patrimonio cultural e os sitios de interese cultural e natural” e lembrou que no verán impulsáronse visitas a diversas edificacións históricas.

“Agardamos unha boa acollida por parte da xente ao igual ca nos dous anteriores anos. De feito, no 2023 participaron arredor de corenta persoas, polo que a nosa expectativa é acadar novamente esa cifra. Consideramos que é moi interesante e está aberta a tódalas idades. Cambiamos novamente o itinerario para así redescubrir outros espazos moi relevantes a nivel patrimonial”, indicou este mércores a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

Con relación a isto último tamén se pronuncia o alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal. Segundo apunta, “trátase dunha maneira diferente de divulgar o noso patrimonio local, tendo en conta a gran riqueza da que goza A Pobra do Caramiñal nesta materia. Quero lembrar que a Casa da Cadea incorporouse ao catálogo de patrimonio público a comezos de 2024 trala adquisición por parte da Administración local. E, precisamente, este será un dos inmóbeis que coñezamos máis polo miúdo nesta visita comentada que promovemos, non só para a xente de fóra, senón que tamén para que a veciñanza teña ocasión de saber máis sobre parte da súa historia.”

Esta actividade que une cultura e patrimonio desenvolverase no 21 de abril, se ben a dita xornada se conmemora no día 18, para facilitar a asistencia por ser un domingo.

O percorrido partirá ás 11.30 horas do cruceiro de Entre Vilas para dirixirse á casa da cadea e rematar na casa do concello. Repartiranse tamén trípticos informativos.

As inscricións son de balde e deberán formalizarse na propia institución museística ou nos teléfonos de contacto 981831662 e 681173484.

Outros artigos

Domingo regresa o sol e empeza a subir a temperatura

Na xornada do domingo seguiremos con aire frío en altura xerando inestabilidade atmosférica. Unha situación que favorecerá a formación de chuvascos, localmente treboentos, máis probables e frecuentes no interior e nas horas centrais do día. As temperaturas mínimas...

+

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...