
A Casa da Cultura de Boiro acolle este venres 8 de marzo o espectáculo de teatro infantil Monstros, a cargo da compañía Excéntricas. Será este venres ás 20.00 horas. Trátase dunha representación teatral para público infantil e familiar. As entradas estarán dispoñíbeis na billeteira dende unha hora antes da función.
O espectáculo Monstros sitúanos no exterior dunha sinistra casa, con catro personaxes miran por unha fenda. É unha visión terrible, pavorosa. Intúense ser saídos dos peores pesadelos escondidos entre as sombras. O nervio e o terror apodéranse do ambiente, as palabras atropélanse nas bocas. Será certo que aquel lugar está habitado por un monstro?
Monstros é un espectáculo familiar que reflexiona sobre aquilo que consideramos monstruoso e que talvez por iso fainos sentir terror. Mais faino desde o humor, porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta.
Monstros axúdanos en última instancia a convivir cos nosos medos e a entendernos a nós e ás demais persoas, a aceptar asas nosas propias monstruosidades.
Autoría e dramaturxia: Lucía Aldao, María Lado
Dirección: Marcos Orsi
Elenco: Rocío González, Víctor Mosqueira, Piti Sanz, Patricia Vázquez



