
A Asociación de Empresarios de Ribeira presentou este martes 5 de marzo a nova edición da súa Campaña do Día do Pai, encamiñada a favorecer as compras locais esta tempada ao tempo que premia e visualiza a fidelidade da veciñanza cos establecementos do concello. Na presentación, na que participaron o presidente da patronal ribeira, Francisco Martínez Gude, o alcalde, Luís Pérez Barral, e o tenente de alcalde, Vicente Mariño de Bricio, fíxose saber que a campaña de 2024 vén con premios de 1.000 euros para ser investidos nos comercios participantes.

O sorteo vai destinado a tódolos clientes que merquen e consuman nos establecementos asociados adheridos á campaña. O obxectivo fundamental é “incrementar as vendas e incentivar o consumo no pequeno comercio retallista e hostalería de Ribeira”, fixo saber o presidente da patronal.
A promoción realizarase entre as compras e consumicións feitas desde o día 06 ao 19 de marzo de 2024. A forma de participar será mercando e consumindo en calquera establecemento socio e subindo o tícket á web da asociación. O sorteo realizarase o mércores 20 de marzo ás 13.00h no local da Asociación de Empresarios de Ribeira.
Normas
Os consumidores participantes deberán en todo caso conservar o tícket da compra ou consumición realizada, a fin de dispoñer dun xustificante. A forma de participar será a seguinte: o consumidor-cliente poderá rexistrarse para participar nesta campaña na pestana Sorteos na web da patronal, efectuando o correspondente rexistro da compra ou consumición realizada, que lle dará dereito a unha participación no sorteo. No rexistro deberá quedar perfectamente identificada a operación de compra/consumición realizada e o cliente ou consumidor. O sorteo realizarase de xeito telemático mediante un código programado que elixirá aleatoriamente aos agraciados de entre tódolos participantes, ata conseguir o gañador do premio e un suplente.
Os premios da campaña
Os premios son vales de compra por importe de 1.000€ menos a retención dos impostos obrigatorios. Este premio ten que ser gastado un día en concreto a determinar entre a asociación e a persoa premiada nos establecementos participantes nesta campaña, como data máxima o 14 de abril de 2024. O importe deberá ser investido nos tres sectores que participan nesta campaña: comercio, hostalería e restauración. Para repartir o premio entre varios participantes, como máximo o premiado pode gastar 100€ en cada un dos establecementos elixidos para gastar o premio.




