O suposto asasino de Ribeira fora denunciado por violencia machista nunha relación anterior

20 Marzo 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmou este mércores que sobre o suposto asasino do crime de Ribeira pesaba unha denuncia por violencia machista dunha parella anterior.

O martes pola tarde un home matou, presuntamente, a súa exparella, unha muller de 25 anos, cunha arma branca no lugar de Palmeira, no municipio de Ribeira, e despois tentou suicidarse.

Na actualidade non constaba que a vítima mortal se atopase no sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (VioGén) do Ministerio do Interior, xa que non existía ningunha denuncia entre ambos os dous pero si, contra el, unha denuncia anterior doutra relación sentimental.

“Parece que poidan existir, pero estaban neutralizadas co paso do tempo”, sinalou Blanco sobre unha posible denuncia dunha parella previa en 2019 tras a que o presunto asasino quedara en liberdade.

Segundo sinalan fontes xudiciais, no partido xudicial de Ribeira, que se ocupa do caso, o detido non ten ningunha causa aberta por delitos relacionados con violencia sobre a muller e non consta ningunha denuncia da vítima.

Con todo, os axentes desprazados ao lugar dos feitos comentáronlle ao xuíz de garda que se encargou de autorizar o levantamento que lles aparecía unha denuncia doutra parella no ano 2019.

Ao preguntarlle nun acto en Santiago de Compostela, o delegado explicou que o home continúa hospitalizado e que aínda non se lle tomou declaración, “nin en sede policial nin en sede xudicial”. “En canto sexa posible, pasará primeiro a disposición policial e despois a disposición xudicial e xa poderemos falar das declaracións que poidan ter relevancia procesual”, apuntou.

Pedro Blanco precisou que, segundo os últimos datos, “non se teme” pola vida do presunto agresor e “en cuestión de días poderá ser a alta hospitalaria”, tras a que será conducido perante a autoridade xudicial.

Tras trasladar o pésame á familia, o delegado asegurou que o Goberno de España condena absolutamente este tipo de violencia.

Ademais, interpelado pola situación do fillo que a vítima tiña en común co presunto autor, o delegado sinalou que está con “familiares” e que “existen mecanismos de lexislación civil para que o neno non quede desamparado”. O pequeno, de dous anos, non estaba na vivenda no momento do crime.

Tras iso, ao preguntarlle pola situación dos menores cuxos proxenitores son denunciados por violencia machista, o delegado do Goberno lembrou que hai uns anos se modificou a lexislación para que ás persoas condenadas por estes delitos se lles retire a custodia de forma automática no momento da sentenza.

“Polo tanto, de momento creo que temos os instrumentos suficientes. Iso non quere dicir que non teñamos que avanzar na instauración doutro tipo de instrumentos ou de implementación, pero neste momento este tipo de solucións foron xa postas encima da mesa e co Código penal son perfectamente posibles”, indicou.

O crime produciuse na casa en que actualmente residía a muller

Foi o suposto agresor quen chamou un familiar para confesar o crime e avanzar a súa intención de suicidarse, polo que o seu interlocutor avisou os servizos de emerxencia, aínda que tamén os veciños deron a voz de alerta ao escoitar unha forte discusión no domicilio.

A muller foi atopada no chan da cociña, onde os axentes da Policía Xudicial atoparon tamén a arma do crime, a mesma coa que o agresor tentou suicidarse.

Ribeira decreta dous días de loito

O Concello de Ribeira decretou dous días de loito polo crime de Palmeira. A corporación do municipio do Barbanza reuniuse en pleno extraordinario no mediodía deste mércores para expresar o seu pesar. 

O alcalde, Luís Pérez Barral, foi o encargado de dar lectura á declaración institucional pactada por todos os grupos políticos de Ribeira, que manifestan a súa unidade no rexeitamento a “calquera tipo de violencia machista”, unha “secuela” contra a que se comprometen a loitar para lograr a súa erradicación.

Concentración Alumnos do IES nº 1 de Ribeira

Tamén o presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, e doutros membros do Executivo, participaron nun minuto de silencio en sinal de repulsa polo crime machista cometido en Ribeira (A Coruña). Tamén se gardou dito minuto de silencio en todas as Delegacións territoriais da Xunta.

Outros artigos

O alumnado de Tahume XI fórmase en novas tecnoloxías

O alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume XI, impulsado polos Concellos do Son e Ribeira, continúa avanzando na súa formación dixital tras rematar, recentemente, o módulo de Alfabetización Informática, impartido por Rebeca, técnica da Rede CeMIT impulsada pola axencia...

+

Belén do Campo comproba o funcionamento da nova varredora do Son

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, asinaron a acta de comprobación material do investimento da nova máquina varredora destinada a reforzar os labores de limpeza e recollida de residuos nas vías públicas do municipio...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Que deseo de mis escritos” – Manuel Domínguez

“Que deseo de mis escritos” – Manuel Domínguez

Me gustaría, que las palabras fuesen sonoras, es decir que no las pronuncies con tu voz, que las lean tus ojos, y ellas explosionen como un parto y salgan a la vida, que sean sonoras, que hablen, que te hablen a ti en exclusiva. En el silencio se reflejan en tus...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.