
O xurado do XXVI Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza, resolveu distinguir nesta edición O livro das contrárias, do noiés Agustín Ángel Agra Barreiro, que recibirá un premio de 4.000€ e a obra será publicada por Edicións Xerais de Galiza. O xurado estivo formado pola poeta e mestra de lingua e literatura galega Mariña Pérez Rei, o escritor e libreiro Fabio Rivas Pardo, e a escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez Meilán.
Escolleron á obra O livro das contrárias pola “solidez narrativa, a análise psicolóxica das personaxes, o amplo léxico e a documentación que alicerzan a trama”. O resultado, sinalaron, “é unha obra de actualidade e ambiente cosmopolita que dialoga cunha ausencia, poñendo en dúbida os límites da memoria; unha obra na que a voz da narradora navega entre a linguaxe da fotografía, o xénero epistolar e a presenza icónica do mundo natural”. Estes fíos, engadiu o xurado, “constrúen unha obra de aparencia intimista, pero que revela puntos de conexión con temas tanto ambientais como de recuperación das voces e olladas das mulleres no ámbito científico, sempre a través dunha sensitiva voz narradora”.
Agustín Ángel Agra Barreiro é un escritor e biólogo de Noia. Comezou a escribir en 2003, publicando os seus primeiros textos nas revistas Alameda do Liceo de Noia e Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia, colaborando coa Asociación Cultural Barbantia e con La Voz de Bartantia. Ten publicado con notábel éxito obras infantís e xuvenís como Trampa de luz (2012, Xerais, Fóra de Xogo) ou Cor animal (2015, Kalandraka) e obras de narrativa tan destacadas como o libro de relatos Silencio, publicado en 2020.



