
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, visitou este mércores 6 de marzo o concello de Rianxo, que se atopa entre os beneficiados polas axudas do programa DP0040 da entidade provincial, que destina 149.980 euros a municipios da provincia para a realización de festivais de arte pública urbana na modalidade de pintura mural durante o ano 2024. Amais de Rianxo, reciben estes apoios da Deputación os festivais Cromático Mural, de Cambre (41.291 euros); o Rexenera Fest, de Carballo (43.750 euros); o Oleiros Expresa Urban Fest (29.265); e o DesOrdes Creativas, de Ordes (36.775). No caso de Rianxo e o Festival Viladomar, a contía a percibir será de 27.400 €.

“Con esta liña de apoio aos festivais de arte urbana, no departamento de Turismo da Deputación da Coruña apostamos por iniciativas que recrean o espazo público e que teñen a creatividade como estratexia”, sinalou Regueira, engadindo que “falamos de proxectos xa consolidados e doutros que comezan, pero todos queren dotar de identidade espazos urbanos que perderan parte da súa identidade propia”.
Acompañado do alcalde de Rianxo, Julian Bustelo, e parte do equipo da Corporación municipal, así como do artista Nove Noel, Regueira visitou os murais da última edición do Festival Viladomar e destacou o potencial da arte urbana, “que permite visualizar un produto turístico atractivo e ofrece unha alternativa para dar a coñecer un destino desde outra óptica, alcanzando un determinado tipo de visitante que ata hai poucos anos tiñamos esquecido””.

O vicepresidente puxo en valor un aspecto destes festivais que o seu departamento considera fundamental: “Modelos como o de Rianxo, Carballo ou Ordes, por exemplo, conseguen rexenerar espazos en decadencia e, a través da arte mural, mellorar a calidade da vida da veciñanza, dar máis vida e alegría ao espazo público e acabar creando un museo de arte pública ao aire libre; o que, por suposto, tamén ten un atractivo e unha importancia incuestionábel para o turismo”.



