
O Concello de Boiro recibiu da Deputación da Coruña unha subvención para limpeza de praias marítimas durante o ano 2024. O importe concedido, que ascende aos 25.581,78 euros vaise destinar á contratación de persoal para o coidado dos areais durante a época estival.
“Boiro conta cun importante número de areais de que suman unha gran extensión en metros cadrados e que, durante a época estival se enchen de bañistas”, explica o Concello, engadindo que “por este motivo requírese dunha limpeza manual para reforzar o servizo existente en canto ao mantemento dos areais coa recollida manual de residuos”.
Dentro das numerosas praias coas que conta este concello, a subvención solicitase para actuar en aquelas de maior afluencia como son Barraña, Barraña-Saltiño, Carragueiros, Mañóns, Retorta, Ladeira do Chazo e outros pequenos areais como a praia de Rebordelo, Esteiro, Gaboteira, Piñeirón…
O obxectivo desta liña de subvencións que convoca a Deputación da Coruña é o apoio aos Concellos nos gastos da contratación dos servizos de limpeza e acondicionamento das praias, fomentando a promoción do emprego durante a tempada de verán.
Para a cobertura dos postos de traballo, o Concello de Boiro convocará un proceso selectivo para a contratación de peóns durante a temporada estival que se convocará nas vindeiras semanas. No momento da convocatoria, as bases e toda a información sobre o proceso, farase pública na web municipal, www.boiro.gal.



