O Concello de Boiro, logo da publicación da normativa que obriga aos propietarios dos galiñeiros a censar os mesmos, vén de habilitar unha oficina para facilitar este trámite á veciñanza. A atención ao público realizarase no departamento municipal de Medio Ambiente os luns e martes de 9.00 a 13.00 horas.
Segundo explicou o Concello, as solicitudes deben presentarse nas oficinas rurais da Xunta, as máis próximas en Ribeira e Padrón, ou mediante a sede electrónica da propia Administración autonómica.
“Moita xente é maior polo que non ten facilidades para facer este trámite por Internet ou achegarse ás oficinas rurais, polo que no Concello facilitamos este servizo aos veciños e veciñas”, afirmou a concelleira de Medio Ambiente, Olga González, engadindo que “aínda que se trata dun trámite sinxelo, é necesario localizar e identificar a referencia catastral da finca e coordenadas nas que se atopa o galiñeiro e cubrir os datos da persoa, un trámite que os traballadores municipais axudan a realizar aos propietarios, que poderán presentar o escrito de solicitude no Rexistro Xeral para enviar á Consellería de Medio Rural da Xunta”.



