Este sábado 9 de marzo inaugúrase en Boiro a mostra fotográfica eEspadELA, da artista, escritora e activista local Charo Lópes (Boiro, 1988). A exposición abre ao público ás 12.00 horas no Centro Social de Boiro. O acto virá acompañado dunha sesión vermú con foliada. Organiza a Unión de Muchachas, Arabías, o Concello de Boiro e Comoxo Organics, coa colaboración da Deputación da Coruña.
A colección inclúe fotografías protagonizadas por un total de 58 mulleres, entre as cales, integrantes de entidades como Comoxo Organics, o Sindicato Labrego Galego, Unión de Muchachas, Escola do Alprende de Carballo, Coidadoras de Arzúa, a Asociación Veciñal do Reguiño de Biduido, e a Plataforma Veciñal contra da Mina; e tamén mulleres a título individual como Amparo, Laura e a súa familia e Esperanza de Laraño.
Charo Lópes é unha das poetas máis destacadas da nova xeración literaria de autoras e autores da nosa terra. Ten obtido xa importantes recoñecementos pola súa obra, como o Premio de Poesía Cidade de Ourense (35 edición) polo seu libro Álbum, que foi elixido por unanimidade polo xurado nun certame no que concorreron até 49 autoras e autores de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa. Charo tamén obtivo en 2015 o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, por De como acontece a fin do mundo.




