
Baixo o título Artesanía na aldea, celébranse na nosa terra unha serie de actividades en conmemoración dos Días Europeos da Artesanía, organizadas e financiadas pola Fundación de Artesanía de Galicia. Este evento enmárcase dentro dun programa máis amplo que inclúe diversos obradoiros na comarca do Barbanza.
En Rianxo, terá lugar o obradoiro Artesanía na aldea: Descubre o papel artesanal. Trátase dunha actividade infantil e familiar, participativa e creativa, na que, segundo adianta o Concello, “descubriremos como se fabrica unha folla de papel artesanal e exploraremos as posibilidades plásticas que nos ofrece, tanto en 2D como en 3D”.
Será impartida por Electra Menéndez, artista, contadora e divulgadora de Catoira.
Na actividade poderemos probar a formar unha folla de papel para despois experimentar engadindo outros elementos como sementes, fíos, ceras, pintando coa propia polpa, facendo un gofrado ou creando unha sinxela escultura.
O obradoiro está enfocado para público infantil e familiar (menores de 6 anos acompañados dunha persoa adulta). Terá lugar na Escola de Buía (Rianxo). Hai dúas quendas: 10:30-11:30h e 12:00-13:00h. Ten unha duración de 1 hora. Requírese inscrición previa no enderezo pedrasdepapelart@gmail.com



