O Concello de Boiro informou doa boa marcha das obras destinadas á dotación de beirarrúas en Cespón, na DP-1106, no tramo comprendido entre Quinteiro e Ferreiros. O alcalde, José Ramón Romero, visitou este martes 12 de marzo o lugar onde se desenvolven os traballos para coñecer o estado de execución dos mesmos. Segundo indicou, neste intre estase a traballar para executar as beirarrúas entre Cespón e Ferreiros, nun tramo dun quilómetro de lonxitude no que se contempla a execución dunha rede separativa de pluviais e fecais, a execución dunha nova rede de auga para consumo, a execución dunha beirarrúas de 1,8 metros de ancho e a rede de alumeado público.

Estas actuacións, que ascenden aos 242.069,73 euros, son a segunda fase do proxecto de creación de beirarrúas na estrada que se iniciaron en Cespón e onde se completou un tramo de 1.500 metros liñais, unha obra xa finalizada que ascendeu aos 340.392,47 euros. Ambas as dúas actuacións estanse a levar a cabo mediante o financiamento da Deputación da Coruña a través do Plan Único Concellos (POS+).
O obxectivo destas actuacións é “mellorar a seguridade viaria dunha vía moi transitada, que comunica distintos núcleos de poboación e vivendas, ademais de dotar á parroquia de redes separativas de pluviais e fecais, rede de calidade de subministro de auga para consumo e alumeado público”, sinalou o rexedor, engadindo que “coa finalización desta segunda fase teremos completados máis de 2.5 quilómetros de beirarrúas e queda pendente unha terceira fase coa que se completarían ata o Bodión conectando a parroquia de Abanqueiro co núcleo de Cespón mediante un percorrido seguro”.



