O Entroido non rematou co inicio da actividade escolar e, de feito, a actividade retómase esta fin de semana nunha chea de parroquias e núcleos da nosa comarca. Por exemplo en Taragoña, Rianxo, onde se celebra con todo tipo de actividades o Sábado do Entroido, coa carpa do campo de Pazos como epicentro da troula.
Haberá entre outras cousas un desfile de carrozas (con premios en metálico para as mellores propostas, que se concentrarán no adro da igrexa a partir das 16.30 para logo saír cara o campo de Pazos), música pola tarde (a cargo de Estróupele e Lusco Fusco), actividades de lecer e creativas para a rapazada (globoflexia, inchábeis, obradoiros, maquillaxe facial), unha parodia do programa Luar da TVG (presentado por Román Castaño e co xurado do Todo Mal) e pola noite verbena a cargo de Metrópolis e DJ Sound & Iván.




