
O Partido Popular de Ribeira mantivo a semana pasada un encontro cos técnicos da operadora de Movistar co fin de recadar información sobre os plans da operadora na parroquia de Castiñeiras e, tamén, co obxectivo de axilizar a despregadura de fibra óptica. Segundo confirmou a agrupación, a parroquia comezará en abril o proceso de implantación da dita tecnoloxía. Así o avanzou o concelleiro popular na parroquia, Alejandro Vidal, que xa mantivo xuntanzas previas cos responsábeis da compañía e doutras empresas do sector “en aras de colaborar coa implantación” e trasladando ás operadoras unha demanda reiterada polos veciños en numerosas ocasións. Segundo explicou Vidal, “a inminente retirada do analóxico vai a facilitar que a implantación da fibra óptica poida ir desembarcando nos diferentes lugares da parroquia comezando pola zona centro e Fonterramil, segundo as fontes consultadas”.
O edil popular tamén se brindou coa empresa a realizar os contactos necesarios coas persoas afectadas para que axilicen as autorizacións que implican a colocación do cable polas fachadas das vivendas o que redundará dun xeito beneficioso, dixo, “en toda a veciñanza das parroquia conseguido a implantación dun servizo que hoxe en día pódese cualificar coma básico para o desenvolvemento educativo e profesional”.
Dende o Grupo Municipal Popular aseguran que “pese a non ser unha competencia municipal, e presentar grandes dificultades a súa xestión, seguiremos traballando para que o despregue se realice canto antes en todas as parroquias e lugares do municipio chegando así a todos os lugares que aínda carecen do servizo o que dificulta, en moitos casos, o asentamento de poboación no rural”.
O PP de Ribeira quere lembrar tamén que “a implantación da fibra en todos estes núcleos é consecuencia das alegacións presentadas polo anterior executivo, a través da Concellería de Innovación Tecnolóxica, ao Plan de Colectividade e Infraestruturas Dixitais promovido polo Estado” e para o cal, sinalan, “realizouse no seu momento unha enquisa pública da que saíron as 342 alegacións que logo se formularon ante o plan estatal e que correspondían a zonas das 9 parroquias do municipio”.



