
O PP de Ribeira emitiu un comunicado no que enxalza os logros acadados polo partido na anterior lexislatura en materia de infraestruturas de parques infantís, concretamente en Carreira, que pasará a ser, nas súas palabras, “a primeira do municipio en contar cun parque infantil cuberto gracias á iniciativa levada ao pleno polo anterior executivo en febreiro do ano 2022 coa súa inclusión no POS”. Esta proposta conta cun orzamento de 151.265,73 euros e inclúe a cuberta e renovación do parque de A Capela e a mellora do parque de Parte ao Río.
Dende o Grupo Municipal Popular saúdase que “ao fin estea en execución esta obra que saíu a licitación fai un ano e que referencia a importancia que o anterior executivo atribuía ás parroquias mellorando e incrementando os servizos públicos, neste caso enfocado no ámbito familiar e de lecer dos máis pequenos aportando así unha alternativa para o tempo de ocio, especialmente, nos meses de inverno e que implica a mellora dos dous parques infantís con máis utilizados da parroquia”.
En visita ás obras que se atopan en execución, o concelleiro popular Víctor Reiríz afirmaba sentirse “satisfeito” polo legado que o anterior goberno local deixou na parroquia “coa posta en marcha dos parques infantís que propuxemos durante a nosa etapa no goberno e que deixamos en licitación para demostrar a nosa firme aposta polas parroquias e, en concreto, o compromiso cos veciños de Carreira cos que sempre mantivemos un diálogo aberto para coñecer cales eran as súas principais inquedanzas e propostas”
Ademais, Reiríz dixo estar “preocupado” por unha obra que con todos os seus atrancos ao longo dos anos “deixamos executada practicamente ao 95%” como é o Centro Social de Carreira e que “dende a entrada do novo executivo liderado polo BNG está completamente paralizada e non temos información sobre cal é o motivo a pesar de que a cuestión foi formulada ao alcalde en pleno sen ter resposta algunha”, sinalou.
O PP sinala no comunicado que “as obras referentes aos parques infantís foron incluídas na relación de obras do POS grazas á intervención veciñal que foi recollida na enquisa pública que o executivo de Manuel Ruiz realizada como canle de participación cidadá”. Tamén salienta que “a de Carreira foi unha das iniciativas que máis se repetiu no ano 2022 e que polo tanto se entendía que era unha demanda realizada conxuntamente coa veciñanza da parroquia”. Os populares criticaron asemade o proceder do novo executivo, por “non aplicar agora a transparencia que viñan esixindo ao goberno nas anteriores lexislaturas: “Non se formulou ningún tipo de consulta pública nin se fixo partícipe, nin sequera coñecedora, á oposición e ao grupo maioritario da Corporación da proposta que ía ser sometida a pleno”. E engaden: “Dende o Partido Popular seguiremos a traballar na consecución dunha Ribeira de consenso e de transparencia e na que a veciñanza teña voz coa súa opinión e participación”.



