O IES Félix Muriel de Rianxo homenaxea a Castelao coa convocatoria do I Certame Artístico “Cousas”

22 Febreiro 2024

O IES Félix Muriel de Rianxo quere homenaxear a vertente máis humanista de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e por este motivo puxo en marcha un certame artístiico que rende tributo ao escritor, debuxante e político rianxeiro botando man dunha das súas contribucións máis recordadas: os relatos ilustrados da serie Cousas. “Trátase dun concurso artístico que necesariamente ha de ser literario mais tamén plástico, pois así son asCousas”, explican dende o IES rianxeiro.

O Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega e o Equipo da Biblioteca serán os encargados de dinamizar e difundir o certame, ademais de buscar persoas ou entidades dispostas a soster economicamente este premio.

O Departamento de Lingua Galega encargarase de levar ás aulas o estímulo necesario para que o alumnado se sinta motivado a participar no certame, aplicando a educación literaria á propia vida e propiciando unha aprendizaxe significativa da literatura galega.

O grupo de traballo Ekos, formado por alumnas e alumnos de segundo de Bacharaleto é o responsábel das bases, deseño e presentación desta primeira convocatoria do certame.

Os porqués e os detalles deste certame

O IES rianxeiro lembra que Castelao foi un creador que deixou a súa pegada persoal en moitos ámbitos; “mais seguramente foi a narrativa o xénero no que a súa orixinalidade ficou máis explícita coa invención das Cousas”. En 1924 comezou a publicar Cousas da vida nas portadas de Galicia e Faro de Vigo. Tratábase dunha serie de debuxos cun breve texto ao pé. Posteriormente, ese texto foi medrando até se converter nun microrrelato ou nun relato curto que unhas veces acentuaba os elementos dramáticos e outras veces o lirismo. O escritor rianxeiro deu á prensa da época esas breves narracións híbridas que ilustrou cun debuxo e que, en 1926 e 1929 publicou no libro Cousas. Estes textos permitiron a Castelao retratar as condicións socioeconómicas do pobo galego e denunciar a realidade dos máis marxinados, acompañándose do humorismo que oculta unha gran dor. A obra tal e como hoxe a coñecemos é unha reedición da recompilación das 44 cousas publicadas pola editorial Nós en 1934.

Presentación

Os detalles do certame presentáronse este mércores 21 de febreiro no propio IES Félix Muriel. Na cita participou a concelleira de Patrimonio e Lingua do Concello de Rianxo, Olalla Figueira. Segundo lembraron os impulsores do concurso, trátase dun certame aberto ao alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional no que as mellores composicións recoñeceranse cun premio de ata 300€. As persoas interesadas teñen ata o 31 de marzo para participar.

Máis información nas redes sociais do IES Félix Muriel.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Plácido Vila”. Xulio Xiz

“Plácido Vila”. Xulio Xiz

Vivo na Milagrosa, onde hai tempo entrar no recinto murado era “ir a Lugo”, e agora – integrados mesmo nominalmente – o que antes parecía distante, a paso setentón faise en vinte minutos, e trinta se temos a ousadía de levar o coche. O centro de saúde da rúa...

“Ser joven en España”. José Castro López

“Ser joven en España”. José Castro López

La mayoría de las sentencias judiciales pasan desapercibidas. Otras, sin embargo, sonmuy llamativas porque el veredicto recae sobre aspectos muy sensibles de la vida socialo familiar. Como ha ocurrido en Italia.Hace unos meses un tribunal obligó a dos hombres de 40 y...