
O Concello de Boiro desenvolve durante o curso 2023-2024 unha nova edición do proxecto En(clave) que, xunto cos centros de ensino do municipio, traballa as emocións, a igualdade e a saúde e benestar. A concelleira de Ensino, Carmen Silva, e as técnicos do departamento, Margarita Sampedro e Elena Dosil, presentaron os detalles do proxecto este mércores 14 de febreiro.
Segundo fixeron saber, o proxecto traballa fundamentalmente tres áreas e que son a igualdade para a prevención do acoso escolar, e cuestión de xénero e a diversidade; a educación e prevención, incidindo no manexo de emocións entre o alumnado; e a saúde e o benestar, que aborda a problemática da saúde mental, os trastornos de conduta alimentaria, a hixiene bucodental e a avaliación optométrica.
Tamén lembraron que o proxecto En(clave) naceu no curso 2021-2022 para dar resposta ás demandas da comunidade educativa da necesidade de traballar accións relacionadas coa promoción social da igualdade de xénero, a resolución de conflitos e a saúde mental, nun escenario social provocado pola crise sanitaria.
Explicaron a maiores que para deseñar o programa deste ano tivéronse en conta as achegas trasladadas pola comunidade educativa no Consello Escolar Municipal e mantense unha continuidade dos programas de benestar e saúde emocional. “Con estes programas o que se busca é un cambio de valores, actitudes, roles e estereotipos dos menores, favorecendo a adquisición de hábitos de saúde, benestar físico e socio-emocional”, recoñeceu Carmen Silva.
Esta nova edición do En(clave) busca mellorar aspectos dos programas xa aplicados e ampliar as temáticas traballadas para dar solución ás problemáticas detectadas. “Neste curso escolar optamos por aumentar os programas de acoso escolar e saúde mental, así como establecer unha partida específica para apoiar a labor educativa das ANPAS con proxectos vinculados coas liñas de traballo do programa”, afirmou a concelleira.
Na área de igualdade, sensibilización social e visibilidade trabállanse programas de prevención do acoso escolar e xénero e actividades LGTBI. Na área de educación e prevención lévanse a cabo programas de educación emocional, roteiros educativos e un programa específico de apoio á corresponsabilidade e conciliación familiar. A área de saúde e benestar traballa a saúde mental, os trastornos de conduta alimentaria e hábitos saudables, a hixiene bucodental e unha avaliación optométrica e visual.
O Concello de Boiro destina a este proxecto un orzamento total de 56.690 euros que se dividen entre os distintos programas específicos que se desenvolven. “Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que atende as demandas da comunidade educativa e as traballa de xeito específico cos centros de primaria e secundaria do municipio”, recoñeceu Carmen Silva.



