
Con motivo da celebración do DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO, este 23 de febreiro, no comedor da ANPA do CEIP O Grupo de Ribeira, os 27 asistentes tomaron o “Caldo de Gloria” do que fala a poetisa no seu poema “Miña casiña, meu lar” e comeron sobre os manteis conmemorativos que nos facilitou a Fundación Rosalía de Castro.
Con esta iniciativa o colexio quixo celebrar un día tan importante que homenaxea á poetisa por excelencia, muller feminista e valente que denunciou cos seus versos e as súas obras as miserias daquel tempo, as diferencias de clases e fenómenos como a emigración ou o caciquismo político ademais da falta de liberdade e discriminación para as mulleres e que foi xunto a Curros e Pondal unha das tres escritoras do Rexurdimento Galego.

Nova directiva na ANPA Santa Uxía
A ANPA Santa Uxía do CEIP O GRUPO acaba de celebrar eleccións o pasado mes de xaneiro, no que se escolleu unha nova directiva na asamblea xeral que tivo lugar no colexio, e onde quedou como presidente da entidade Unai González Suárez que ven a substituir a María Xosé Blanco Giraldez que marcha por forza maior ao rematar os seus fillos os estudos no centro educativo. Dende a directiva, formada por 13 persoas, queren agradecer o traballo dos últimos anos levados a cabo por María Xosé e as distintas directivas das que só continúan dous integrantes nesta nova andaina. O mandato actual é ata o 2026, ano no que o presidente tamén marchará ao rematar estudos o seu fillo.
Acompañan a Unai González; Janire Aldaiturriaga como secretaria; Noelia Cuevas como Vicepresidenta; Mª José Cañestro como tesoureira; Ana Santos, Angeles Pérez, Ramón Sampedro, Angel Puga, Luis Parada, Francisco Rivas, Manuel Sieira, Yavanna Mariño e Enma Sobrido.
A nova directiva ten varios proxectos en mente, aparte de continuar cos xa iniciados pola anterior presidenta, tales como a celebración do día de Rosalía, algunha viaxe cultural, formación de pais e nais e ferramentas para as familias. Recentemente, o pasado 9 de febreiro celebrou a Festa de Entroido no pavillón do colexio, que resultou un grande éxito con máis de 300 asistentes, con inchables, obradoiros, discomóbil, merenda con melindres de Entroido e a actuación do Mago Noel (enviamos tamén foto desa celebración).
Recentemente veñen de adquirir un equipo informático novo para a ANPA que conta cunha subvención da Deputación da Coruña e consiste nun portatil con funda, disco duro, rato, pendrive e barra de son; feito polo que se agradece publicamente a achega do ente provincial.



