O Concello de Boiro celebrou este venres 9 de febreiro o seu Xantar de Confraternidade da Terceira Idade que reuniu a máis de 450 persoas no Pavillón Municipal de Barraña. No xantar participou o alcalde, José Ramón Romero; o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España, Luis Planas; a secretaria xeral de Pesca do Goberno de España, Isabel Artime; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso; e outros concelleiros e concelleiras do Goberno local e a comarca.
“Este día é para vós, para todas as persoas maiores do municipio que tanto traballastes para ser o que somos hoxe”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero, durante a súa intervención. “O Concello de Boiro ten unha débeda con vós, a residencia pública da terceira idade, e crédeme que traballamos cada día para que sexa unha realidade”, recoñeceu.
Os comensais puideron degustar un menú composto por boi, camaróns, cigalas, peixe, carne e sobremesa, ademais de musica e baile ata ben entrada a tarde.
Na cita, celebrada no Pavillón de Barraña, Valentín González Formoso aproveitou para salientar “o traballo” e “a especial sensibilidade” do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o seu Goberno no eido social e de atención ás persoas maiores, coa axuda da Deputación. Segundo lembrou, un total de 92 persoas maiores en Boiro e 532 en toda a comarca de Barbanza contan co servizo de Teleasistencia da Deputación, que ademais financia neste ámbito comarcal máis de 50.000 horas ao ano de servizo de axuda no fogar.
Durante a súa intervención o alcalde eloxiou ás persoas maiores polo seu traballo e o seu esforzo. O alcalde recoñece unha materia pendente que as distintas administracións teñen con Boiro: “A residencia pública da terceira idade é unha necesidade que non se pode demorar máis e dende o Concello de Boiro imos seguir traballando este servizo para os nosos maiores”.