O pleno da Corporación do Concello de Rianxo aprobou por unanimidade a relación proposta de proxectos achegados polo Executivo para materializar no territorio o Plan de Obras e Servizos (POS+2024) da Deputación da Coruña. Desta maneira, o financiamento de 452.359,00€ que lle corresponden ao Concello de Rianxo distribuiranse en iniciativas para seguir mellorando servizos básicos nos núcleos das parroquias (auga para consumo, saneamento, mantemento e mellora de vías) e tamén para proseguir a transformación sustentábel do alumeado na vila de Rianxo, poñendo o foco no paseo marítimo.
Estes serían os proxectos aprobados:
-Ampliación de redes de abastecemento e saneamento no lugar de Villanustre (Asados) para dar servizo a 12 vivendas – 197.582,00€. O proxecto inclúe o asfaltado posterior do núcleo.
-Conexión de rede de abastecemento de auga entre Corques e Outeiro (Taragoña) coa finalidade de seguir ampliando a rede cara a parroquia de Araño – 90.713,70€.
-Dous proxectos para a mellor da iluminación en dúas terceiras partes do paseo marítimo – 80.000,00€.
-Reservase a diferenza para, fundamentalmente, ao mantemento de viais de titularidade municipal en diferente núcleos.
Polo que se refire ao POS Complementario, irá destinado á segunda fase do abastecemento e o saneamento en Vilas, por 145.525 euros.
O alcalde Julián Bustelo lembrou que en vindeiras semanas licitarase a primeira fase de dotación de redes de abastecemento e saneamento con depuración en Vilas por 168.420 euros, a mellora de iluminación na terceira parte restante do paseo marítimo (35.745), e a ampliación da traída de auga da Casa (132.471) e de varios tramos en Taragoña (106.841). Tamén recordou que se iniciaron os traballos para dotar de auga para consumo e rede de sumidoiros a Quintáns por 177.916 euros.