Este venres arrinca o Entroido da Pobra cun espectáculo itinerante (“O bosque vivente”) e unha festa nocturna de disfraces

08 Febreiro 2024

A animación de rúa e as actividades para a mocidade centran o inicio do cartel do Entroido na Pobra, festividade na que o Concello repartirá en total 5.125 euros en premios á creatividade a través de dous concursos. Este venres 9, Sarao levará o espectáculo itinerante O bosque vivente dende O Cantón da Leña ata os Xardíns de Valle-Inclán, das 19.30 horas en diante. Xa pola noite terá lugar unha festa de disfraces na praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.30 horas. Estará amenizada por Discomóvil Chocolate e contarase cun photocall.

A diversión continuará no sábado 10 coas mesmas propostas, nas cales Troula asumirá o rol de dinamizar as rúas pola tarde con Pachamama e súmase a actuación da charanga Caña Aquí no mediodía.

As crianzas serán as protagonistas do domingo 11 coa gran festa infantil na praza Alcalde Segundo Durán, dende as 17.00 ata as 20.00 horas. Haberá inchábeis, obradoiros, chocolate con churros e actuación con Animar-T. Amais, realizarase un concurso para a rapazada de ata 12 anos, con cinco premios no total: un primeiro premio, de 200 euros; un segundo, de 150; un terceiro, de 125; un cuarto, de 100 e un quinto, de 75.

Os disfraces gañadores deberán participar no desfile do martes 13, que arrancará ás 17.30 horas dende A Covecha para se dirixir polo núcleo urbano ata as inmediacións da E.E.I. Fernández Varela, na rúa Castelao. Alí procederase co segundo dos certames da programación, dirixido, nesta ocasión, a maiores de 13 anos. A youtubeira Nuska Chousa presentará a particular gala onde se decidirá quen leva cada unha das catro distincións nas tres categorías definidas: carrozas (un primeiro, de 700 euros; un segundo, de 400; un terceiro, de 200; e un cuarto, de 150); grupos (400, 300, 200 e 150 euros, por esta orde) e parellas/individuais (200, 150, 125 e 100 euros, respectivamente). Na comitiva tamén participarán as comparsas Samieira, Os da Caña, As Sonecas e Cor Café.

As inscricións pódense formalizar na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler ou no enderezo electrónico culturapobra@gmail.com ata o propio día 13, ás 12.00 horas.

A tradición vivirase no sábado 17 co Enterro do Felipiño do Maño organizado pola veciñanza da parroquia do Xobre. O singular cortexo fúnebre partirá ás 18.00 horas dende O Campo do Maño, co acompañamento da charanga BB+. Percorrerá as rúas da vila ata a queima do querido personaxe do Entroido na rampla do pantalán.

E, se hai un lugar que vive de maneira especial estas datas, ese é A Crocha. Tódolos anos, os veciños e veciñas decoran esta zona da localidade dun xeito acorde coa temática destas datas para dotala dun ambiente festivo. Por iso, o Entroido despedirase alí no día 18, Domingo de Piñata, cunha chocolatada e a actuación dun grupo de gaitas, a partir das 18.00 horas, pondo así o broche de ouro.

Na páxina web municipal www.apobra.gal pódense consulta-las bases dos referidos certames.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.