O Entroido de Amicos deste ano 2024 volveu facer historia. As e os integrantes da asociación inclusiva da nosa comarca propuxéronse nesta edición realizar unha celebración de cine. Así, a sétima arte foi a temática elixida para o seu particular carnaval,
que tivo lugar este xoves, 8 de febreiro, no Centro de Atención Integral de Boiro. Foi unha xornada chea de música, desfile, doces típicos, bailes e mesmo unha entrega dos Amioscars, á que acudiu a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón.
Os preparativos estendéronse arredor de dúas semanas, durante as cales os mozos e mozas crearon tanto os seus disfraces como a decoración do centro, que incluíu dende un portelo de venda de entradas ata distintos murais sobre temática cinéfila, que foron colocados nos corredores do centro. Os mesmos que serviron de escenario para o desfile que se celebrou na mañá do xoves, a partir das 12.00 horas.
Alí déronse cita numerosas personaxes cinematográficas. Os encargados de abrir o desfile ao ritmo da música da banda sonora foron os amicos e amicas de expresArte, que se disfrazaron dos 101 dálmatas. Seguíronos os compañeiros de olaría caracterizados de Charles Chaplin, tralo que foi a quenda de Pekes, que escolleron Alicia no país das marabillas, Fabrica Social de Charlie
e a fábrica de chocolate, superheroes xurdidos do taller de tecnoloxía do centro, medio ambiente do Mago de Oz, e xogo do universo Harry Potter.
Todos eles pasearon ao son da música polo corredor do centro, e tralo desfile, realizouse a entrega dos Amioscar, estatuas feitas no obradoiro de barro polos beneficiarios/as que acoden ao obradoiro. O xurado foi formado por Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Xoan España, director xeral de Amicos, Digna Iglesias, vicepresidenta da xunta directiva; e Fermina Fernández e Rosa González, familiares de Amicos.
Despois dunha intensa deliberación, o xurado decidiu outorgarlle o amioscar a mellor caracterización ao grupo de Charles Chaplin, mellor coreografía a Charlie e a fábrica de chocolate, e mellor maquillaxe a 101 dálmatas. O premio a mellor vestiario foi para Alicia no país das marabillas, mentres que a mellor posta de escena recaeu en Harry Potter, mellor animación no grupo de superheroes e mellor interpretación para Mago de Oz.Tralo concurso, os amicos e amicas desfrutaron xuntos dun día cheo de música, doces típicos, baile e moita diversión. A eles uniuse Begoña Abeijón, que gozou da xornada e visitou as instalacións da asociación.
Así, Xoan España cualificou a presenza da directora xeral de Persoas con Discapacidade como “unha honra, posto que é unha gran colaboradora para as asociacións. Dende a súa área sacaron un novo contrato público para as prazas cunha modalidade de concerto social, apostaron por financiar e ampliar instalacións, e ao mesmo tempo seguiron apoiando as entidades nos proxectos de innovación en ámbitos como son os medioambientais ou de ocio… Non podemos máis que darlle as grazas por estar aí e innovar e mellorar de forma constante tódolos servizos e contribuír a que ningunha persoas con discapacidade quede atrás e haxa recursos para todos eles”.
Tamén quixo darlle as grazas “por vir, por sumarse a nós e sobre todo por, pese ás dificultades, cumprir con todo o prometido e que todo sexa unha realidade e salga para adiante”. Un agracedemento ao que tamén se uniu Digna Iglesias, vicepresidenta da xunta directiva da entidade.
Begoña Abeijón, pola súa banda, declarou que “xa estivemos aquí no Festiritititi, e agora estamos neste festival que está do máis animado. Para a Xunta de Galicia, Amicos é toda unha referencia no ámbito da atención ás persoas con discapacidade, e non só aquí na comarca do Barbanza senón tamén en Galicia”. Tamén salientou que “é un pracer colaborar sempre con eles, facémolo a través de varias liñas de axuda, a través do financiamento de prazas, e seguirémolo facendo no futuro con máis intensidade”.
Carnaval en Pekes
Ademais da celebración deste xoves, os cativos e cativas da área de Pekes festexarán un pequeno entroido no centro de Amicos en Oleiros. Alí desfrutarán dunha mañá chea de música, baile, diversión e unha merenda conxunta. Se ben o xoves se adentraron no Mundo das Marabillas, o venres a rapazada poderá escoller o traxe que máis lle apeteza.