A Xunta de Galicia anunciou que vai de actuar de urxencia para frear as humidades que afectan ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en Santiago, onde están soterrados o rianxeiro Castelao e a padronesa Rosalía de Castro. Así o anunciou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, nunha visita ao convento de Santo Domingos de Bonaval para comprobar o seu estado e os danos provocados pola entrada de auga das últimas choivas.
“Este espazo no que descansan algúns dos nosos devanceiros máis ilustres é unha das principais iconas de Galicia xunto co himno, a bandeira e o escudo”, salientou Román Rodríguez. Neste senso, precisou que a obriga de todos é garantir a súa conservación “como símbolo do progreso do pobo galego e de honra á memoria das persoas que máis contribuíron a reafirmar a identidade de Galicia”.
Para conseguilo, a Administración autonómica, a raíz dos últimos temporais, levará a cabo unha actuación de urxencia dirixida a frear o deterioro que está afectando a este monumento no que repousan os restos de galegos sobranceiros como Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas e Domingo Fontán á espera dun plan integral de rehabilitación liderado polo Consorcio de Santiago de Compostela.
