A Fundación Iberdrola visita a sede de Amicos

07 Febreiro 2024

A Asociación Amicos recibiu a mañá deste mércores, 7 de febreiro, a visita de Teresa Rodríguez de Tembleque, responsábel de Acción Social e Formación e Investigación da Fundación Iberdrola, Guadalupe de Cuadra, responsábel de Acción Social da
mesma entidade, e Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia. Durante o percorrido, puideron ver as novidades do centro e como se está a desenvolver o proxecto social Semilleiro de Emprego Rural, financiado pola fundación.

Malia non ser a primeira vez que Teresa Rodríguez acudía en persoa ás instalacións de Amicos en Comoxo, que coñeceu nunha visita con Fernando García, presidente da Fundación Iberdrola, realizada no 2022, si foi a primeira vez para Guadalupe de Cuadra e Francisco Silva. Durante a xornada, Xoan España, director xeral de Amicos, Pilar Sampedro, responsábel de Centros de Amicos, e Miguel Beiro, responsábel da área de Emprego e Empresas da entidade boirense, encargáronse de mostrarlles o funcionamento do Centro de Atención Integral e as melloras realizadas nos últimos dous anos, así como as obras de ampliación da sede de Boiro.

Outro dos puntos clave foi o programa Semilleiro de Emprego Rural, unha iniciativa de carácter social impulsada por Amicos co apoio e financiamento de Iberdrola. O programa está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos con discapacidade intelectual que residen no rural. A través deste, ofréceselles formación e apoio co obxectivo de que adquiran as habilidades transversais necesarias para a súa incorporación no mercado laboral, en especial no referente ao emprego verde e inclusivo.

Así, no ano 2023 puideron beneficiarse desta alianza corenta persoas, das que un total de quince puideron facerse cun emprego. Ademais, mostráronse interesadas máis dunha vintena de empresas en coñecer aos participantes. O proxecto propón itinerarios teórico-prácticos en silvicultura e xestión forestal sustentábel, un labor de alta demanda a nivel autonómico. Durante a visita, Teresa Rodríquez de Tembleque destacou que “este proxecto é un claro exemplo de compromiso coa inclusión e a igualdade. Para a Fundación Iberdrola España é “moi importante o valor de cada persoas e a importancia de proporcionar oportunidades para que
todos poidan alcanzar os seus soños e aspiracións”.

Pola súa banda, Xoan España expresou que “é fundamental a integración sociolaboral como motor de desenvolvemento sustentábel e benestar social, e nós dende Amicos agradecemos o compromiso e a colaboración neste ámbito da Fundación Iberdrola”. E engadiu: “Somos conscientes de que a integración sociolaboral constitúe un piar fundamental para a construccón de sociedades inclusivas e equitativas, e comprometémonos a unir esforzos, compartir recursos e traballar de forma coordinada para facilitar oportunidades de emprego e formación, promovendo o acceso igualitario aos beneficios da actividade laboral”.

Seis anos de colaboración

A alianza entre a Fundación Iberdrola e a Asociación Amicos botou a andar no ano 2018 a través do Programa de Axudas Sociais do grupo con sede en Bilbao. A finalidade era realizar distintos obradoiros que favorecesen a cualificación e a adquisición de rutinas e habilidades comunicativas de persoas con discapacidade da contorna do Barbanza. Outro dos ámbitos de colaboración entre ámbalas institucións é o referente ao coidado medioambiental. Ao abeiro do programa Bosque Defensa-Iberdrola, as Ecobrigadas de Amicos traballaron coa entidade inclusiva na repoboación das dez hectáreas do campo de tiro de Noia, na que se plantaron un total de 7.000 árbores autóctonas. A plantación foi inaugurada en setembro de 2023, e os traballos de mantemento estenderanse arredor de dous anos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.